O Enviado Especial das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático e presidente da Fundación Democracia e Desenvolvemento, o ex - presidente de Chile Sr. D. Ricardo Lagos, manifestou á Xunta de Galicia que despois de analizar con atención e interese o traballo realizado polo equipo de Climántica, considera que é un interesante proxecto de carácter docente e que o recomenda para ser usado con eses mesmos fins. O respaldo do Enviado Especial de Nacións Unidas fíxose efectivo mediante unha carta recibida o pasado 14 de abril a través da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.
O interese da ONU en Climántica manifestouse por primeira vez mediante a petición dun informe por parte da súa sede en Xenebra. Unha vez presentado este informe, a Xunta de Galicia presentouno na súa sede de Nova York o 2 de xuño de 2008. Posteriormente presentouse tamén como proxecto de boas prácticas de España, a proposta da Oficina Española para o Cambio Climático, no Seminario europeo das Nacións Unidas celebrado en Estocolmo en maio de 2009.