Este curso universitario de posgrao consta de 60 horas (6 créditos) das cales 18 son presenciais e as restantes compútanse pola investigación – acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos obradoiros desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes. O curso estructúrase en 5 módulos presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur da USC os mércores de novembro e primeiro mércores de decembro de 18 a 21 horas, e que foron reestructurados en base a avaliación da primeira edición. Estes 5 módulos son:
- Obradoiros de blogues I: primeiras accións para crear un blogue. Mércores 5 de novembro Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
- Obradoiros de blogues II e ferramentas TIC I. Mércores 12 de novembro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
- Ferramentas TIC II e moderación e xestión de blogues e foros. Mércores 19 de novembro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario do grupo TIC do equipo Climántica e José Fernández Maneiro, licenciado en Xeografía e Historia e profesor de ensino secundario do equipo Climántica.
- Obradoiros de meteoroloxía escolar. Mércores 26 de novembro. Poñentes: Ana Lage e Santiago Salson. Doutores en Físicas, enxeñeiros técnicos informáticos e técnicos de MeteoGalicia.
- Actividades prácticas sobre cambio climático. Mércores 3 de decembro. Poñentes: Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño Barros. Licenciadas en Bioloxía e profesoras de ensino secundario do grupo ciencia - tecnoloxía do equipo Climántica.
No mes de marzo fixarase unha data para a posta en común das conclusións obtidas da investigación - acción asociada á aplicación da parte práctica na aula.
Pode verse o contido detallado dos módulos, os obxectivos, a xustificación do curso, e as liñas metodolóxicas básicas no tríptico.
Os interesados poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao enderezo climantica@climantica.org, indicando no asunto a cal dos tres criterios abaixo sinalados se acollen, de cara a facilitar o proceso de selección, de ser necesario. As prazas do curso cubriranse segundo a orde de inscrición e tendo en conta estes tres criterios:
- Que sexan docentes que impartan a materia Proxecto interdisciplinar (PI).
- Que sexan docentes de centros educativos que non imparten PI.
- Que sexan licenciados ou mestres que non exercen a docencia en centros educativos. Neste caso requírese que a solicitude se acompañe dunha proposta práctica para desenvolver a parte práctica no blogue temático que se lle asigne.
O curso é totalmente gratuíto, tanto na xestión como na docencia e nos materiais e recursos consumidos no seu desenvolvemento, pero a retirada do título, como ocorre con todo tipo de títulos das universidades, está supeditado ás taxas universitarias, que neste caso son do orde de 15€.