CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Resultados do campus CLMNTK25

 
Do 30 de agosto ao 3 de setembro desenvolveuse o encontro de proxectos CLMNTK25 no que destacaron o campus da segunda mobilidade de eCO2Rivers na localidade portuguesa de Aveiro e a preparación e preestrea do documental de EduCO2Health. As actividades poden visualizarse neste vídeo documental:


Este campus reuniu en Aveiro 210 participantes de doce territorios diferentes para avanzar na gravación de documentais sobre os riscos dos incendios e as consecuencias da súa erosión sobre as concas fluviais, así como os efectos das cinzas nos ecosistemas da desembocadura. Tamén permitiu ultimar a edición dos capítulos de Galicia, Aveiro e Polonia do documental EduCO2Health, que se preestreiou o día 2 de setembro no Centro de Congresos de Aveiro.


O día 30 de agosto inaugurouse o evento por parte do Vicerreitor de Investigación da Universidade de Aveiro e dos profesores responsables de Fábrica e de Climántica polas universidades de Aveiro e de Santiago de Compostela.


A continuación, o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Emilio Fernández, abordou, a través dunha conferencia inaugural, respostas a preguntas que considerou clave para que o alumnado, a través das súas respostas, creasen os seus proxectos.


Pola tarde, da man do correlato do profesor de Filosofía Guillermo Rodríguez Vega, o catedrático Emilio Fernández abordou no seminario docente, a través dun obradoiro, a transferencia curricular interdisciplinar dos contidos implicados nas preguntas da conferencia inaugural. O profesorado analizou utilidades e transposicións didácticas en grupos organizados por especialidades.



En paralelo ao inicio do seminario docente, o alumnado comezou a traballar nos seus proxectos, centrados na creación de curtametraxes e na preparación dunha representación do musical “Odisea a través do tempo”. Ese musical requiriu á súa vez de catro subproxectos: banda musical, teatro, canto e artes para a escenografía. Tamén precisou do obradoiro de danza.


Durante esa tarde do día 30 tamén se abordou a primeira hora e media diaria dedicada aos obradoiros competenciais, cuxo obxectivo foi dotar ao alumnado das competencias e habilidades necesarias para os seus roles nos proxectos. Desde esta curtametraxe pódese visualizar o desenvolvemento deses proxectos:



Antes da cea realizouse un paseo pola Universidade de Aveiro e aproveitouse para facer as fotos oficiais de gran grupo e as fotos da delegación territorial.

Xa pola noite desenvolveuse a cea das nacionalidades, na que cada unha das doce delegacións territoriais presentou e compartiu coas demais os pratos máis singulares da súa cultura gastronómica.


Despois da cea das nacionalidades tivo lugar a primeira parte do festival das nacionalidades coa intervención de seis delegacións. Neste festival cada delegación presentou o seu territorio e compartiu cancións e coreografías propias de cada cultura. O festival completouse ao día seguinte coa segunda parte, na que interviñeron as outras seis delegacións territoriais.


O día 31 continuaron os proxectos e a hora e media diaria de obradoiros competenciais. No proxecto do making of do documental de eCO2Rivers que se estaba gravando en Aveiro, implicouse alumnado dos socios escolares do IES Virxe do Mar de Noia, do IES Lope de Vega de Madrid e da escola profesional ADA de Montemor-o-Velho. Ese día realizouse a gravación nun monte incendiado nos días anteriores. Tamén se filmaron as investigacións sobre os procesos de freo da erosión e recuperación na cunca fluvial do gran incendio de setembro de 2024.


No seminario docente realizáronse dous itinerarios didácticos: a visita ás salinas e á cidade do Porto.

O día 1 de setembro continuouse co traballo nos proxectos e obradoiros do programa. Pola tarde foise á praia e pola noite celebrouse a primeira festa xuvenil preparada no obradoiro de DJ e festas.


No seminario docente, os investigadores e profesores de comunicación audiovisual da USC Pablo Calviño e Manuel Barreiro analizaron diferentes filmes desde o punto de vista das súas utilidades didácticas. No coloquio o profesorado fixo achegas desde as súas especialidades:


Tamén destacou ese día no seminario docente o obradoiro impartido por Pedro Pombo, director de Fábrica, baseado na súa experiencia na área da Universidade de Aveiro: “Luz láser, holografía e 3D: aplicacións educativas”.


O martes 2 de setembro fóronse pechando os proxectos e realizouse a última sesión da hora e media diaria de obradoiros competenciais. Os catro subproxectos do musical desprazáronse pola tarde ao auditorio do Centro de Congresos de Aveiro para preparar a representación do musical e levar a cabo o ensaio xeral.



Ese penúltimo día pechouse tamén o programa do Seminario docente homologado con 24 horas de formación permanente do profesorado polo Ministerio de Educación.


Entre os seus obradoiros destacou o impartido polo profesor de Xeografía Física Alfredo García sobre “Risco de inundacións nos barrancos valencianos: unha visión desde a Xeografía Física”, cuxo coloquio permitiu reflexionar sobre o aumento dos riscos derivados do avance climático por eventos extremos.



Outro obradoiro moi valorado polo profesorado foi o impartido polas profesoras de Bioloxía do Colexio Madrid da Cidade de México Julieta de Dios e Ana Soler, titulado “Lendas da Natureza: Cartonería Sustentable e Patrimonio”, no que, con cartóns, lograron crear máscaras de animais relevantes dos ecosistemas próximos ao profesorado.


Ás 19:00 horas procedeuse á preestrea dos capítulos de Galicia, Aveiro e Polonia no auditorio do Centro de Congresos de Aveiro.


O mércores 3 de setembro pechouse o campus co evento de clausura, que se retransmitiu por streaming, seguido por centos de usuarios dos doce territorios participantes. Desde esta ligazón pódese visualizar o evento final gravado a través do streaming.


Neste evento presentáronse as sete curtametraxes creativas sobre cambio climático elaboradas por produtoras xuvenís con representantes dos doce territorios, que se comentan a continuación:

Curtametraxe AV1 – Outro mundo, os mesmos erros? Pode visualizarse aquí:


O argumento céntrase nas tecnoloxías espaciais, especialmente os satélites de observación terrestre, que permiten estudar e monitorizar o cambio climático nas últimas décadas. Nun contexto onde a exploración espacial é habitual, prantexase un futuro hipotético no que a humanidade descobre un planeta habitable con recursos explotables. Xorde entón o debate: ¿deberiamos colonizalo e explotar os seus recursos para manter o ritmo de consumo actual ou enfocalo doutra maneira?

AV2 – Interferencia. Visualizar aquí:



Argumento: Nun informativo cheo de titulares banais, infiltranse pequenos indicios da problemática do cambio climático. Tras varias noticias, a emisión é interrompida: un hackeo toma o control da pantalla para denunciar a omisión sistemática dos medios e lembrar que, mentres se entretén ao público, a crise climática avanza.

AV3 – Vivindo unha mentira. Visualizar aquí:


Argumento: Nun mundo saturado de estímulos é moi doado ignorar a crise climática. A información é máis accesible ca nunca, pero non sempre axuda a comprender mellor a realidade. ¿Pode a humanidade mirar eternamente para outro lado?

AV4 – Chispa é lume. Visualizar aquí:


Argumento: A problemática do cambio climático abórdase a partir do efecto bolboreta; é dicir, como pequenas accións poden desencadear sucesos moito maiores. Vese a grupos de mozos realizando pequenos malos hábitos (tirar lixo, consumo excesivo…) e como iso provoca consecuencias graves posteriormente.

AV5 – A pesadela. Visualizar aquí:


Argumento: Un neno vive sen preocuparse polo medio ambiente: tira lixo, malgasta recursos e non recicla. Mais unha noite soña cun mundo devastado, sen auga e dominado polos efectos do cambio climático. A pesadela confróntao coa realidade dos seus actos e faino reflexionar sobre cambiar hábitos antes de que sexa demasiado tarde.

AV6 – Un pequeno xesto, un gran cambio. Visualizar aquí:


Argumento: O vídeo mostra como un xesto aparentemente insignificante, como non reciclar unha botella de plástico, ten un gran impacto ambiental: continentes de plástico, danos para animais mariños e terrestres, e incluso para os seres humanos.

AV7 – Golpe de realidade. Visualizar aquí:


Argumento: Un millonario participa nun reality show no que vive cos medios dunha persoa común. Durante a súa participación aprende sobre o cambio climático e sobre como as súas consecuencias afectan a vida cotiá da maioría da poboación.

O evento pechouse coa representación do musical “Odisea a través do tempo”, que se pode visualizar aquí:


O musical integrou o traballo dos subproxectos de Banda, Canto, Teatro e Escenografía, así como o obradoiro de danza, e implicou alumnado de todos os territorios. O argumento céntrase na viaxe de dous investigadores do cambio climático nunha nave de translación cuántica desde o ano 2084 ata rematar no auditorio do Centro de Congresos de Aveiro o 3 de setembro de 2025. Ao longo dese percorrido de 59 anos, visitan diversos países e épocas para analizar momentos clave da crise da auga derivada do cambio climático de 2084. O argumento desenvólvese nun prólogo, catro capítulos e un epílogo.




Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino