O Ministerio de Educación recoñece o primeiro Curso virtual de Climántica

 


A Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra e Climántica avanzan na colaboración iniciada o curso pasado mediante a oferta aos seus socios dun curso virtual para o desenvolvemento da nova materia de Bacharelato Ciencias para o Mundo Contemporáneo conducida pola sustentabilidade entendida desde o marco do cambio climático e aplicada na súa totalidade mediante TIC. Esta oferta exponse despois de que o Ministerio de Educación recoñeza a proposta con 10 créditos de formación

Este curso formulouse atendendo a dúas demandas:

  • Que o profesor adquira a formación necesaria para realizar a totalidade do currículo da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo a través do fío condutor da sustentabilidade enfocada desde o reto do cambio climático, aplicándoo mediante as TIC. Deste xeito, unha vez que o profesor finalizou este curso, pode solicitar dar de alta aos seus estudantes nunha versión académica do mesmo que permite eliminar actividades, modificar as que hai ou incorporar outras novas; é dicir, o docente pode adaptalo á súa realidade de aula, ampliándoo, reducíndoo e/ou modificándoo antes de pasar a aplicalo cos seus alumnos.
  • Que os estudantes, como usuarios do curso, poidan desenvolver a materia aplicando correlativamente as destrezas e as competencias TIC implicadas na execución das actividades do edublog de aula. Así aproveitase a motivación que supón para eles o uso tanto dos medios de comunicación interactiva como o do traballo colaborativo a través da posta ao día continua dunha información científica moi contemporánea, aproximándose, así, ao modus operandi dos científicos da ciencia fronteira actual.

Esta proposta busca motivar aos alumnos de 1º de bacharelato das modalidades de ciencias e das non científicas, apoiándose tanto no soporte achegado polos blogs e polas actividades interactivas, como no feito de que toda a materia estrutúrese desde o marco do cambio climático, o que tamén significa un apoio para os profesores á hora de impartir esta materia; pois non é probable que a súa formación universitaria cubra todo o currículo Ciencias para o Mundo Contemporáneo, dado que este aglutina á vez contidos de Bioloxía, Xeoloxía, Física e Química.

O seu eixo condutor desenvolveuse baixo a fórmula "desde o Big-Bang até os nosos tempos formouse a Terra, e nela, a través dun longo proceso evolutivo, aparecemos como unha especie capaz de modificar o Planeta provocando riscos (como os derivados do cambio climático) aos que a investigación científica busca solucións desde dous terreos concretos:

  • A investigación no ámbito enerxético (tanto no marco enerxías renovables, como no das medidas de aforro e eficiencia enerxética e no da enerxía nuclear), apoiándose na física de partículas e a nanotecnoloxía.
  • A adaptación ao cambio climático mediante investigacións centradas na nanotecnoloxía, a física de partículas, a astrofísica, a bioloxía molecular e a xenómica, sen deixar de lado a investigación I+D+i de liñas futuristas como o hidróxeno e a fusión nuclear."

O curso, por tanto, consta de dúas partes:

  • A parte A(primeiros 15 apartados) baséase na adquisición da formación necesaria para a xestión e administración dos blogs, especialmente programados e deseñados para visualizar contidos multimedia diversos. A medida que se vai desenvolvendo o curso, o profesor experimentará na aula cos blogs publicando polo menos dous post por cada un dos 18 apartados da parte B (ámbito de desenvolvemento curricular). O blog de aula terá unha url que o vinculará ao centro educativo e que o profesor poderá usar indefinidamente. Será visible na comunidade de blogs de Climántica durante os cursos académicos nos que o manteña actualizado e contará, ademais, co apoio, actualización e dinamización que se achega desde o blog-guía de profesores para o sistema de blogs de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.
  • A parte B(do apartado 16 ao 33) céntrase no desenvolvemento do currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo de acordo ao enfoque proposto. Así se parte da conceptualización, evidencias, causas e consecuencias para situar o problema desde a súa orixe histórica nos ciclos de materiais e enerxía, abarcando todo o noso desenvolvemento evolutivo e tecnolóxico, e vinculándoo ao desenvolvemento de problemas ambientais entre os que destaca o cambio climático. Unha vez situado así o problema ambiental, éntrase no debate sobre as solucións ao cambio climático, abordándoas dende a astrofísica, a física de partículas, a fusión e fisión nuclear, o potencial do hidróxeno, a bioloxía molecular, a xenómica, a evolución antropolóxica, as enerxías renovables e a nanotecnoloxía.


I Congreso Climántica para profesores sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático

 


Climántica acaba de abrir a páxina web do I Congreso para o profesorado sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático en http://congreso.climantica.org que contén toda a información relativa ao congreso que se desenvolverá de acordo con este programa. A través da páxina web xa se pode efectuar á preinscrición. O profesorado que pertence a centros sostidos con fondos públicos de Galicia, se quere a certificación de 12 horas de formación por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria á que ten dereito, debe facer a inscrición a través da aplicación de fprofe desa Consellería. Os demais docentes serán considerados como inscritos a través desta plataforma, segundo rigoroso orden de preinscrición ata o inscrito número 100 dos que non recibiron praza en fprofe.

As 700 prazas restantes ata completar o aforo do auditorio, quedan reservadas para profesores que se inscriban a través de fprofe. Aos docentes deste colectivo que se preinscriban a través da páxina web do congreso, indicando que no seu momento farán a preinscrición a través da aplicación fprofe, enviaráselles un correo electrónico desde climantica@climantica.org para informalos da apertura do prazo de inscrición na plataforma de fprofe. Recoméndase a este colectivo de docentes de centros sostidos con fondos públicos que se inscriban a través de fprofe, que se  preinscriban tamén a través da páxina do congreso, porque non sendo obrigatorio nin necesario facelo, permitiralle á organización dispor dos datos de contacto para mantelos puntualmente informados das novidades do congreso.

Se unha vez rematado o prazo de inscrición a través de fprofe, e as posibles ampliacións de prazo que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poida considerar oportunas, quedaran vacantes das 700 reservadas, estas pasarán, por estrito orde de preinscrición, aos colectivos docentes preinscritos nesta web que non teñan acceso a través á plataforma de fprofe. A certificación da asistencia dos non inscritos a través de fprofe será emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Os asistentes que ademais desexen propoñerse como comunicadores de experiencias poderán facelo enviando os resumos das comunicacións que propoñen a través da páxina do congreso. Comunicaranse aquelas con previo envío e aceptación dos resumos enviados a través deste sitio web. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria solo certificará aquelas das que se encargue un único poñente e que se ateñan ás seguintes especificacións:

  • Un mínimo de 35 minutos e un máximo de 45 minutos de exposición.
  • Un mínimo de 15 minutos e un máximo de 20 minutos de debate.

De seleccionarse presentacións orais cuxa duración proposta sexa inferior a este marco temporal, ou que sexa desenvolta por máis dun autor/a comunicador/a, a certificación da presentación correrá a cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Descargar programa en pdf.


Dous novos cursos de Climántica en marcha

 


O sábado 6 de marzo Climántica puxo en marcha dous novos cursos: Competencias básicas en Climántica e Técnicas de climantica.org para a comunicación do cambio climático. As sesións presenciais dos dous cursos están a desenvolverse en paralelo os días 6 e 13 de marzo, 10, 17 e 24 de abril na Facultade de Físicas. O curso de competencias está pensado para os profesores de Primaria, ESO e Pedagoxía terapéutica que queren abordar dun xeito práctico as competencias básicas no marco do proxecto dende os modelos Aprendemos coas escolas climánticas e Climaeucambio. O de Técnicas para a comunicación do cambio climático esixe a elaboración dunha revista do centro educativo para comunicar a sostibilidade dende o marco do cambio climático. Por iso nas bases de selección do profesorado asistente, déuselle prioridade á participación previa no proxecto, polo que dos 69 inscritos, os 30 seleccionados son docentes implicados previamente en actividades do proxecto.

Climántica en Alicante

 


O proxecto Climántica foi invitado pola Universidade de Alicante a desenvolver un seminario sobre o proxecto e un obradoiro multimedia sobre cambio climático para profesorado de ensino secundario e universidade. O seminario desenvolveuse o venres 26 de setembro no Salón de Graos Alfredo Orts da Facultade de Ciencias de 17 a 19 horas, ao que asistiron 60 profesores de Alicante e Valencia da rede docente da Asociación Española de Enseñanza de las Ciencias de la Tierra liderada en Alicante polo profesor do Departamento de Ciencias de la Tierra, o xeólogo Pedro Alfaro. O obradoiro multimedia de cambio climático celebrouse o sábado 27 de febreiro de 10 a 13 horas, no aulario nº 1 da mesma facultade, dirixido a 20 profesores de Alicante e Valencia da asociación de profesores Curie, liderada polo profesor de Física Aplicada Albert Gras. Estas dúas actividades de Climántica foron propostas como preparatorias dunhas xornadas do proxecto que se está previsto que se celebren en setembro deste ano na nesta mesma Universidade, e que se organizarán en base a 4 obradoiros e 2 seminarios. Este reto que Climántica acepta e agradece, foi proposto polos profesores organizadores destas actividades, Pedro Alfaro e Albert Gras.

Climántica en Cantabria

 



O proxecto Climántica foi invitado a
formar parte da organización e desenvolvemento da Jornada de Educación para la Sostenibilidad
2009-10
. Esta colaboración concretouse o luns 22 de febreiro
de 2010 mediante a conferencia inaugural da xornada titulada El cambio climático en el sistema
educativo
impartida polo director do proxecto Francisco
Sóñora Luna, quen tamén dirixiu o obradoiro de Taller multimedia sobre el cambio
climático
. A oferta de obradoiros das xornadas completouse
con Prácticas de laboratorio
sobre cambio climático
impartido polas profesoras
colaboradoras de Climántica, Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño
Barros. A esta xornada dun crédito de duración  asistiron 60
coordinadores dos Programas de Educación para la Sostenibilidad da rede
RECESO
. Climántica quere agradecer a esta rede educativa amiga
e á Consejería de Educación de Cantabria esta oportunidade para
compartir e retroalimentar experiencias e
iniciativas.


Novo curso de Climántica para o profesorado de todos os niveis

 



Recollendo suxestións da rede docente de profesores que desenvolven
a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo dende Climántica, ven
de convocarse un curso en base a obradoiros, coa finalidade de
practicar as metodoloxías e técnicas de comunicación TIC do proxecto,
para obter a formación que permita a elaboración dunha revista
electrónica do centro educativo para a comunicación da sustentabilidade
e do cambio climático no marco do proxecto. Aínda que se lle da
prioridade á participación no proxecto para asignar as prazas, se
quedan vacantes, aplicaranse os criterios xerais do Plan de Formación
do Profesorado. O programa queda recollido neste tríptico e a inscrición faise a través da
aplicación fprofe de http://www.edu.xunta.es/web/teachers,
seleccionando como Área: Temas
transversais
e como CFR: Servizos centrais.


Novo curso de Climántica para Primaria e 1º Ciclo ESO

 



O día 6 de marzo empezará o novo curso
Competencias básicas en
Climántica
, do que xa se pode descargar o tríptico co programa, axenda e condición de
inscrición. Este curso está especialmente centrado nas competencias
básicas TIC e aprender a aprender e está inspirado no modelo de Aprendemos coas escolas Climánticas cuxa
posta en común desenvolveuse o 6 de xuño de
2009. Diríxese preferentemente a 3º ciclo de Educación Primaria e 1º de
ESO, e por tanto con aplicación práctica tamén en Pedagoxía
terapéutica.


Segunda parte do seminario de Francisco Anguita no curso “CCMC no proxecto Climántica”

 



Neste segundo vídeo que se pode ver en ClimánticaTV o profesor Anguita comeza por
ofrecer unha visión dende a termodinámica, dos problemas
medioambientales, onde como dí a Primeira lei: A enerxía é finita (polo
tanto os recursos son finitos) e atendendo á Segunda Lei postula que o
desorde crece coas transformacións (quedaría aquí reflectido o problema
da contaminación). Ademais amósanos unha realidade importante: a
relación entre economía e calidade de vida nos paises desenvolvidos: na
segunda metade do século XX a economía medrou moito pero a calidade de
vida pouco o fixo.

Inmersos xa no tema dos riscos
xeodinámicos delimita as lagoas sísmicas do planeta e acércanos ao
concepto de Magnitude do Momento Sísmico (MW) que substituiría á escala
de Richter (M). Unha das fallas á que se lle presta maior atención é á
de San Andrés, en California, e os expertos xa son capaces de ofrecer
porcentaxes de posibilidades de terremotos no contorno da mesma. En
Haicheng unha cidade china de cerca de 1 millón de habitantes, no 1975,
logrouse evacuar á poboación horas antes de que fose totalmente
arrasada por un seísmo (só houbo 200 victimas). Ao ano seguinte na
cidade de Tangshan un terremoto produciu 700.000 victimas. No seísmo de
Sichuan en 2008, onde morreron cerca de 80000 persoas, parece que a
xigantesca presa construida nas inmediacións, poido ser o desencadeante
do movemento. A falla saltou ata a superficie no momento en que a presa
se estaba a descargar.

O risco de tsunamis no noso
país parece que pode restrinxirse á zona mediterránea onde a actividade
sísmica recente no norte de África e Grecia produciu perturbacións no
nivel do mar nas costas da zona.

Francisco Anguita
exemplariza os riscos volcánicos falándonos dos volcáns de Colombia
(Nevado del Ruiz) e Filipinas (Mayón). Este último estivo moi activo
durante o 2006 e a finais dese ano a cidade veuse afectada por un tifón
que movilizou o material piroclástico orixinado unhas inmensas coladas
de barro. Estas zonas no marco do cambio climático onde se prevé un
incremento de fenómenos meterorolóxicos extremos, o risco pode
multiplícarse pola suma de ambos riscos.

O profesor
incide unha vez máis sobre a superposición da acción antrópica sobre o
clima analizando as series de temperaturas e amosando os datos
procedentes de diferentes marcadores climáticos. En Groenlandia estanse
a producir cambios moi rápidos e drásticos nos glaciares que desembocan
no mar onde estos retroceden varios kilómetros en un ano e
posteriormente volven a recuperarse. Existe gran cautela neste tema, xa
que o desxeo de Groenlandia traduciríase nunha subida de 7 metros do
nivel do mar. No Ártico os tres anos máis recentes son os de menor
cantidade de xeo. Respecto ao comportamento da Antártida apunta a que
existen zonas onde o nivel do xeo adelgaza e noutros onde parece
aumentar, o que induce a pensar que todavia non entendemos moi ben o
sistema. A fusión dos glaciares do Himalaya favorece a creación de
lagos que poden provocar avalanchas de barro por desbordamento dos
mesmos afectando ás poboacións situadas no
entorno.

Os datos dos novos informes do IPCC parecen
indicar que este organismo foi demasiado conservador nas súas
estimacións do 2007 sobre as consecuencias do cambio global. Ademais
parece existir un certo grao de despreocupación polo problema do cambio
climático como apuntan as últimas investigacións sociolóxicas sobre o
tema.

Francisco Anguita remata a súa exposición
facendo alusión ao tema da urxencia do problema do cambio climático así
como das cuestións éticas do modelo de sociedade actual dende a visión
do decrecemento, o desenvolvemento sostible e a sobrepoboación mundial.
O derradeiro dilema que nos plantexa é o relacionado co tipo de
refuxiado que é un habitante de Bangladesh ¿económico, climático...?
Este é un bo exemplo de “algo que comeza por unha situación que ten que
ver coa natureza e remata con unha decisión de carácter político...e é
que todo está misturado”.



Primeira parte do seminario de Francisco Anguita no curso “CCMC no proxecto Climántica”

 



O sábado 16 de xaneiro, o doutor en
Xeoloxía Francisco Anguita e profesor titular da Universidade
Complutense de Madrid, inaugurou os seminarios científicos do curso
Ciencias para o mundo
contemporáneo no proxecto Climántica
coa ponencia Do Big Bang ao problema ecolóxico:
aproximación do cosmos á problemática ambiental
. Pódese
ver o video da súa intervención en ClimánticaTV.

Francisco
Anguita comezou a sesión disertando sobre as últimas investigacións no
tocante ao tempo anterior ao Big Bang e a evolución futura do Universo
basándose nas distintan hipótesis vixentes. As investigacións sobre o
cosmos e a búsqueda de respostas sobre a orixe do mesmo suscitou o
primeiro debate proposto na aula, que quedaba definido pola pregunta de
se están xustificadas as grandes inversións en ciencia básica, onde os
asistentes poideron aportar a súa visión.

No
referente ás novidades na investigación sobre a formación de planetas o
profesor Anguita indicou que todo parece indicar que os planetas son
máis abundantes que as estrelas no Universo. Apuntou o descubrimento
recente da primeira superterra oceánica. É un planeta que transita por
diante da súa estrela o que permite averiguar o seu diámetro, posúe 6.6
veces a masa terrestre, conta con un núcleo probablemente sólido e
presenta auga líquida na superficie. Nos vindeiros anos, o telescopio
Kepler aportará información moi interesante sobre planetas con tamaño
semellante ao da Terra e que orbitan ao redor doutras estrelas. Unha
das metas destas investigacións vai encamiñada a atopar vida fora do
noso planeta o que dou pé a formular un dilema moi aproveitable para
trasladar aos alumnos e conseguir abrir un debate interesante: cambia
algo se descubrimos vida fora da Terra?.

As
novidades científicas sobre o Sistema Solar serían que o Sol
probablemente formouse nun cúmulo globular en compañia doutras
estrelas, según parece determinarse polo estudo de meteoritos con
grandes cantidades de isótopos inestables formados durante a explosión
dunha supernova, non obstante son demasiados para unha única supernova
e a conclusión pode ser que procede dunha familia de
supernovas.

Coñecemos o que sucede na Terra para
formarse os oróxenos (subducción e colisión) e se observamos planetas
como Venus vemos estruturas tectónicas parecidas ás da Terra. Estos
rasgos son máis evidentes nos relevos de Marte comparables por exemplo
ás estructuras da Cordilleira Cantábrica, Alpes, etc. Quere dicir esto
que existe ou existiu tectónica de placas noutros
planetas?.

Existen evidencias de cambios climáticos
globales noutros corpos do sistema solar como poden ser Marte ou Venus
onde poido existir un océano fai uns 4.000 millóns de anos que se
evaporou. En Europa atópase o maior depósito de agua líquida no Sistema
Solar polo que se pode pensar que neste satélite de Xúpiter houbo algún
fluxo de enerxía que logrou fundir o xeo pero o que é unha dúbida é se
esta enerxía todavía se manten.

Francisco Anguita
acércanos ás posibilidades de facer habitable un planeta como Marte e
que como primeiro paso tería a reconstrución da atmosfera primitiva.
Unha actuación encamiñada a tal fin sería a da emisión por parte de
fábricas instaladas na superficie, de gases de efecto invernadoiro como
son os freóns. A emisión de inxentes cantidades destos gases tardarían
uns 10.000 anos en derreter o xeo marciano e ofrecer unha primeira
oportunidade para a vida vexetal (100.000 anos para os
animais).

Despois dunha viaxe polo Universo chegamos
á Terra e o profesor Anguita nos indica que a enerxía que todavía
conserva o núcleo terrestre, despois de 4.500 millóns de anos de
evolución, é considerable pois tan só o 4 % deste núcleo solidificou.
Ademais fai fincapé na sincronía existente entre o remate do bombardeo
meteorítico que sufreu a Terra máis ou menos aos 3.900 millóns e a
aparición da vida.

Fai 100 millóns de anos
produciuse, causado por un evento no interior da Terra, un máximo na
temperatura da atmosfera terrestre e posteriormente o planeta comeza a
enfriarse. As predicións máis pesimistas indican para o 2.100 aumentos
de ata 7 ºC na temperatura media global o que nos aproximaría ao clima
da época dos dinosauros.



Publicado o vídeo da posta en común do I Curso de Climántica en Portugal

 



O dia 19 de decembro desenvolveuse a
posta en común da fase práctica do I Curso de Climántica en Portugal,
desenvolto no centro de formación do profesorado de Coimbra Nova Ágora
ao longo de todos os sábados do primeiro trimestre. Neste vídeo que se acaba de publicar en Climántica TV pode verse un resumo das
presentacións correspondentes á aplicación do proxecto nos centros piloto de Climántica en Portugal
que xurdiron deste curso. O rigor e calidade que se observa nas
presentacións dos primeiros docentes de Climántica en Portugal e a súa
capacidade para adaptar o proxecto ao seu sistema educativo, 
abren un futuro esperanzador de Climántica en Portugal. Por iso,
parabéns a este primeiro grupo de docentes de Climántica en Portugal
polos resultados acadados!


Posta en marcha de "Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica"

 



Actualización: Ver video

O sábado 14 de novembro iniciouse o I
módulo desta materia para formar, ao longo de todo o curso 2009-2010,
ao profesorado da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo co fin
de impartila na súa totalidade a través dun fío condutor vertebrado
sobre a sustentabilidade e o cambio climático. De novo este ano a
inscrición superou as prazas dispoñibles, pois o número máximo de dúas
persoas por ordenador supuxo que dos 74 preinscritos solo 50 puideron
matricularse. Os docentes de lista de espera estarán como grupo
prioritario no curso de «Competencias básicas: TIC e aprender a
aprender», que se porá en marcha no segundo
trimestre.

Baixo a fórmula «dende o Big-Bang ata
estes tempos formouse a Terra e nela, a través dun longo proceso
evolutivo, aparecemos nós como unha especie capaz de modificar o
Planeta e de provocar riscos, como o cambio climático, aos que a
investigación científica contemporánea busca solucións dende a física
de partículas, a astrofísica, a nanotecnoloxía, a investigación
enerxética, a bioloxía molecular e a xenómica», Climántica doulle forma
a este reto educativo.

Esta primeira sesión
enmarcouse na competencia TIC que se desenvolve mediante dous
seminarios. O primeiro, que foi o que empezou o sábado 14 é o
denominado “Sustentabilidade e cambio climático nos blogs e foros de
Climántica en CCMC”, que desenvolverán ao longo das 4 primeiras
xornadas do curso (14 e 28 de novembro, 12 de decembro e 9 xaneiro),
correrá a cargo dos profesores de ensino secundario Susana Vázquez e
Jesús M. Teira Rois. O último seminario relativo á competencia TIC
impartirao o catedrático de instituto Ramón Cid Manzano, o 9 de
xaneiro, no que abordará recursos TIC para traballar a física de
partículas, a astrofísica, a fisión nuclear e o LHC.


Esta forte aposta polas TIC é debido a que en
Climántica valorouse como motivador para os estudantes de todas as
modalidades de Bacharelato darlles a oportunidade de buscar información
actual de divulgación científica co obxectivo de comunicaren as súas
experiencias. Por iso se pensou nuns edublogues e eduforos,
especialmente deseñados para visualizar contidos multimedia diversos,
que, ademais de formar parte dos hábitos vixentes de comunicación dos
estudantes, supoñen unha posta ao día continua da información, ao
estilo do modus operandi dos científicos da ciencia fronteira cuxos
coñecementos aborda esta materia.

No deseño do curso
tívose tamén presente o feito de que os contidos desta materia non se
configuran na súa totalidade dentro do marco formativo inicial de
ningún dos dous departamentos implicados na docencia (Bioloxía e
Xeoloxía e Física e Química). Por iso se contou con investigadores
I+D+i de todos os ámbitos do currículo, cunha eficacia divulgativa
demostrada e capaces de asumir o reto de relacionaren as súas
investigacións co fío condutor proposto. Así é como chegamos a contar
con este equipo de 7 formadores que destacan polas súas investigacións
na ciencia fronteira recollida no currículo desta materia. A eles lles
corresponderá trasladar a actualidade das súas investigacións
relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático aos profesores
asistentes.

Os seminarios relativos á investigación
teñen a mesma base programática que os que se desenvolveron o curso
pasado, mantendo a participación do catedrático de medicina legal,
director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica
da USC, doutor Ángel Carracedo, último premio Jaime I de investigación
médica, quen seguirá afondando nas ensinanzas da Xenómica para a
sustentabilidade. Tamén repite o profesor doutor de Xeoloxía da
Universidade Complutense, Francisco Anguita, un dos principais
divulgadores da xeoloxía en España nos últimos 30 anos. O profesor
Anguita abordará dous seminarios neste curso «Do Big Bang ao problema
ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental» e «Riscos
xeolóxicos e impactos ambientais».

Pero este curso
incorporáronse novas temáticas I+D+i relacionadas coa sostibilidade e o
cambio climático. Entre as novas temáticas destaca a participación do
catedrático da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura galega, o
profesor doutor Francisco Díaz-Fierros, Premio Nacional de Cultura
Científica de Galicia no 2008, que abordará o seminario «Conceptos
básicos de cambio climático nos ecosistemas terrestres», namentres que
o de conceptos básicos nos ecosistemas mariños o desenvolverá o doutor
investigador do CSIC no Instituto de Investigación Mariña de Vigo, Xosé
Antón Álvarez Salgado. Os puntos de vista destes dous científicos
galegos que colaboraron en informes IPCC (Panel Intergobernamental para
o Cambio Climático) complementaranse para aportar unha visión
científica moi interesante para abordar este reto do século XXI na
aula.

Outro seminario que cobra forza este ano é a
Nanotecnoloxía. Del hase encargar o catedrático de Electromagnetismo da
USC e director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga, José
Rivas, quen exporá a temática «Nanotecnoloxía básica para a
sustentabilidade na sociedade do cambio
climático».

 Tamén se incorpora a dimensión
enerxética mediante a participación do profesor doutor de Enxeñería
eléctrica da ETS de Enxeñería Industrial de Vigo e director da Axencia
enerxética de Vigo, Bernardo Parajó, co seminario «Enerxía e
sustentabilidade: pasado presente e futuro».

O
último seminario innovador deste curso será o impartido pola doutora
investigadora en Xenética e Antropoloxía do proxecto de Atapuerca,
María Martinón Torres: «O homínido emigrante: clima, barreiras e
camiños», que complementará a intervención do profesor Carracedo,
reforzando a dimensión evolutiva e centrándose nos aspectos
antropolóxicos dende a bioloxía molecular.

A
formación presencial que se iniciou este sábado, prolongarase ao longo
das mañás de 7 sábados máis, e ao tempo que se vai desenvolvendo,
iranse aplicando nos edublogues e eduforos de aula propostas
relacionadas co contido de cada un dos seminarios. O sábado 10 de abril
farase a posta en común dos traballos de aula.

Con
esta formulación da asignatura, o curso pasado formouse aos profesores
dos centros pilotos voluntarios para abordaren deste xeito a materia de
Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Apuntáronse a esta iniciativa
profesores de 27 centros públicos e 4 privados, que a día de hoxe están
a desenvolver a materia dende os seus blogues de centros aos que se
accede a través do blogue guía para
os profesores
. Algúns blogs están a ser auténticos
estimuladores da divulgación e argumentación dos estudantes, como é o
caso do blog do IES Francisco Asorey, que xa
superou as 20.000 visitas.

Como esta materia se
atopa no segundo curso de implantación e supón un reto novo na historia
do sistema educativo español, este modelo estase demandando en España.
Así, a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias
de la Tierra
aprobou no mes de outubro ofrecela vía
e-learning para todos os seus socios, o que lle dá a Climántica unha
oportunidade extraordinaria de abrir a súa rede docente a todas as
comunidades educativas do resto de autonomías.

O
interese por este proxecto educativo superou as fronteiras de España e
xa está implantado con éxito en 15 centros pilotos de Portugal mediante
unha réplica do curso piloto do ano pasado, que se está a desenvolver
dende o 10 de outubro na cidade de Coimbra co apoio institucional da
Unesco e sobre o que se pode visualizar un documental da primeira
xornada
.

Destes 15 centros xa hai varios
que destacan pola riqueza da argumentación que están a desenvolver na
súa aula, o que facilita que o espírito de Climántica estea entrando
con forza nestas comunidades educativas de Portugal. Tamén chegou á
Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe unha petición de Arxentina,
procedente da Universidade de Entre Ríos, para replicar o modelo alí
como xa fixo o centro de Formación do Profesorado de Coimbra Nova
Ágora.



Convocatoria do curso "Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica"

 



Este curso universitario de posgrao
consta de 120 horas (12 créditos) dos cales 36 son presenciais e as 84
restantes compútanse pola investigación –acción derivada das tarefas
necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula
relativas aos seminarios desenvoltos nos módulos presenciais e da
retroalimentación da argumentación dos estudantes.

O
curso estrutúrase en 10 seminarios distribuídos en 5 módulos
presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur
da USC os sábados de 10 a 14 horas, con un descanso na metade da
xornada. A axenda destes 10 seminarios, dos que se pode obter máis
información neste documento programático e neste tríptico
son:

  1. Sostibilidade e cambio climático nos blogues e foros
    de Climántica para as Ciencias do Mundo Contemporáneo (CCMC)
    .
    Sábados 14 e 28 de novembro e 12 de decembro de 10 a 14 horas.
    Concluirá o 9 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana
    Vázquez
    , licenciados en CC. Químicas e profesores de
    ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  2. Aproximación contemporánea á Física de partículas:
    acelerador de partículas, Big-Bang, enerxía nuclear...
    Sábado
    9 de xaneiro de 12 a 14 horas.
  3. Poñente: Ramón Cid, catedrático de
    instituto, licenciado en CC.Físicas e en CC. Químicas.
  4. Do Big - Bang ao problema ecolóxico: aproximación do
    cosmos á problemática ambiental
    . Sábado 16 de xaneiro de 10 a
    11:45 horas. Poñente: Dr.
    Francisco Anguita Virella
    , Profesor Titular da
    Universidade Complutense de Madrid.
  5. Riscos xeolóxicos e impactos
    ambientais
    . Sábado 16 de xaneiro de 12-14 horas. Poñente:
    Dr. Francisco
    Anguita
    Virella, Profesor Titular da Universidade
    Complutense de Madrid.
  6. Conceptos básicos de cambio climático nos
    ecosistemas terrestres
    . Sábado 23 de xaneiro de 10 a
    11:45. Poñente: Dr. Francisco
    Díaz-Fierros Viqueira
    , Catedrático de Edafoloxía da USC e
    Vicepresidente do Consello da Cultura
    Galega.
  7. Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas
    acuáticos.
    Sábado 23 de xaneiro de 12 a 14. Poñente:
    Dr. Xosé Antón Álvarez
    Salgado
    , investigador do CSIC no Instituto de
    Investigación Mariña de Vigo.
  8. Nanotecnoloxía básica para a
    sustentabilidade na sociedade do cambio climático
    . Sábado
    30 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñente: Dr. José Rivas Rey, catedrático de
    Electromagnetismo da USC e Director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía
    de Braga.
  9. Enerxía e sustentabilidade: pasado, presente e futuro na
    sociedade do cambio climático
    . Sábado 30 de xaneiro de 12
    a 14 horas. Poñente: Dr.
    Bernardo Parajó Calvo
    , profesor de Enxeñería eléctrica da
    ETS de Enxeñería Industrial da UV e Director da Axencia Enerxética de
    Vigo.
  10. A xenómica e as súas ensinanzas para a
    sustentabilidade
    . Sábado 6 de febreiro, de 10 a 11:45.
    Dr. Ángel Carracedo
    Álvarez
    , Catedrático de Medicina Legal, Director do
    Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da
    USC.
  11. O
    homínido emigrante: clima, barreiras e camiños
    . Sábado 6
    de febreiro de 12 a 14 horas. Dra. María Martinón Torres, investigadora en
    Xenética e Antropoloxía no Equipo investigador dos xacementos de
    Atapuerca.

Os seminarios con hipervínculos desenvolvéronse
o curso pasado e os que non teñen hipervínculo son novos e foron
introducidos de acordo coas suxestións que fixeron os asistentes e que
quedaron recollidas no correspondente informe de avaliación.


Unha vez rematada a fase de aplicación na aula
mediante a realización de actividades coa implicación dos estudantes na
argumentación a través dos edublogues e dos eduforos, o sábado 10 de
abril de 10 a 14 horas procederase á posta en común destas
experiencias.

Os interesados poden inscribirse
cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao
enderezo climantica@climantica.org, indicando no
asunto a cal dos catro (4) grupos de prioridade
pertencen:

  1. Docentes que impartan
    a materia CCMC no curso 2009-2010.
  2. Docentes dos
    departamentos didácticos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química e
    que no curso 2009-2010 non impartan a materia CCMC.
  3. Outros docentes relacionados co ensino das
    ciencias e da tecnoloxía.
  4. Titulados en CC.
    Biolóxicas, CC. Xeolóxicas, CC. Químicas e en CC. Físicas ou
    asimilables a efectos de docencia. Terán que presentar, coa solicitude,
    unha proposta de elaboración dun blogue temático que teña que ver co
    contido do curso.

Dado que o número
máximo de prazas é de 50, estas asignaranse atendendo a unha estrita
orde de chegada das solicitudes. Ao grupo 2 asignaránselle as prazas
que queden vacantes unha vez inscritos os do 1, e co 3 e 4 actuarase de
igual forma, pero coas que queden do 2 e do 3,
respectivamente

O curso é totalmente gratuíto, tanto
na xestión, como na docencia, nos materiais e recursos consumidos no
seu desenvolvemento e nas consumicións na cafetería durante o descanso,
pero non se abonarán gastos de desprazamento nin as taxas da retirada
do título, que como ocorre con todo tipo de títulos das universidades,
está supeditado ás taxas universitarias, neste caso as establecidas
para títulos de posgrao de especialización que son do orde de 25
€.


Primeira xornada do I Curso de formación do profesorado en Portugal

 



Climántica desenvolveu en Coimbra o
sábado 10 de outubro de 2009 a primeira das sesións formativas
presenciais do curso “Educação para um Desenvolvimento Sustentável – Mudanças Climáticas e Edublogues Climántica”. Este curso é unha adaptación ao sistema
educativo de Portugal do curso de Climántica para a materia de Ciencias para o Mundo
Contemporáneo
do que en breve se convocará a segunda
edición nesta web, coordinado polo grupo de docentes de Climántica en
Portugal, liderado pola profesora da Universidade de Coimbra Arminda
Pedrosa e convocado como unha das accións formativas do centro de
formación continua do profesorado de Coimbra Nova Ágora, que atende a unha rede docente
de 1.700 educadores. A metodoloxía do curso require un traballo
práctico continuo co sistema CCMC de edublogues de Climántica,
de tal xeito que en cada ordenador se sitúe un número máximo de dous
docentes. As prazas convocadas foron ocupadas na súa totalidade por
docentes de 15 centros educativos, que se constitúen así na primeira
rede de centros piloto de Climántica en Portugal. Este curso consta de
30 horas teóricas que se desenvolverán ao longo dos sábados do primeiro
trimestre, e de 30 horas prácticas que consistirán na aplicación
práctica nas aulas da metodoloxía de Climántica. Ao remate da fase
práctica, presentaranse estas experiencias
piloto.
 
Nesta primeira sesión procedeuse
primeiramente á distribución de material necesario para o
desenvolvemento do curso. De seguido o director da Oficina de Formación
Nova Ágora, fixo unha breve referencia ó documento de divulgación do
curso por parte da Oficina de Formación, poñendo especial énfase en
aspectos organizativos, metodolóxicos e de avaliación. A continuación
tomou a palabra a coordinadora da actividade, a profesora da
Universidade de Coimbra Arminda Pedrosa, aportando información relativa
a recursos dispoñibles, institucións que participan e apoian a Oficina
de Formación, facendo especial mención á implicación da Xunta de
Galicia a través do proxecto Climántica e do apoio institucional da
Comissao Nacional da UNESCO. Este acto de
presentación rematou coa intervención do director de Climántica,
Francisco Sóñora, que presentou o proxecto, as actividades desenvoltas
no seu marco, os recursos producidos e dispoñibles para acceso libre,
indicando a fonte dende o sitio web. Tamén xustificou a vocación
internacional deste proxecto, e agradecendo por este motivo a
oportunidade que se lle dou ao proxecto co desenvolvemento desta
actividade.
 
Xa na aula de informática,
procedeuse á organización dos grupos de traballo e a entrega de claves
para acceder á comunidade de blogs na plataforma Climántica. As
actividades prácticas dese día centraronse nos aspectos técnicos e
prácticos para crear, xestionar e actualizar blogues en base ao uso de
titoriais en portugués moi detallados e
ilustrados con capturas de pantalla e que orientan paso a paso as
seguintes tarefas: entrar nun blogue para xestionar, crear unha
categoría, escribir un post, editar un artigo, subir, editar e borrar a
conexión e, finalmente, introducir e editar
imaxes.

En definitiva, unha intensa xornada de
formación e un inicio digno merecedor do momento histórico que
corresponde ao primeiro paso para a expansión da rede de educadores de
Climántica en Portugal.


Primeiro curso de formación de Climántica en Portugal

 



Climántica inicia mañá sábado 10 de
outubro o primeiro curso de formación en Portugal. Este curso é unha
adaptación ao sistema educativo portugués do curso de terceiro posgrao
Ciencias para o Mundo Contemporáneo no
proxecto Climántica do que se convocará a segunda edición nesta páxina
web para a semana. Está coordinado polo grupo docente de Climántica na
Universidade de Coimbra que contan co apoio institucional de Comisión Nacional da Unesco en
Portugal
. A formación presencial extendese ao longo do
primeiro trimestre e remata o 19 de decembro, de acordo co programa. A fase práctica desenvolverase ao
longo de todo o curso e ao remate do mesmo farase unha posta en común
das experiencias piloto. Os docentes dos primeiros centros piloto en
Portugal formados neste curso, desenvolverán a aplicación do proxecto
con un blogue de centro da modalidade internacional de Climántica,
quedando a súa disposición neste sitio web os titoriais en
portugués
.


Documentais sobre o "Primeiro curso para a introducción de Climántica en primaria"

 



Xa están publicados no apartado de
Climantica
TV
os
dous documentais que resumen o curso para os primeiros maestros que
desenvolveron experiencias piloto de Climántica entre o 18 de abril e o
6 de xuño.

No primeiro documental resúmese a
presentación do curso por parte do director de Climántica, Francisco
Sóñora. A continuación pásase a unha visualización do resumo das tres
xornadas dedicadas aos blogs
do desenvolvemento da competencia dixital para xestionar, administrar e dotar de contido aos blogs
das que se encargaron Susana Vázquez e Jesús
Teira.

Tamén se fai un amplo resumo da explicación
das actividades interactivas da subweb de
Primaria
por parte de José Manuel Bouzán. Este mestre
enxeñeiro técnico informático foi o encargado de transformar en
interactivas as actividades de Aprendemos coas Escolas Climánticas, que a
súa vez están inspiradas no nº1 do comic dedicado ao cambio climático, do nº 2 do comic dedicado á enerxía, da novela
A Treboada de C e do videoxogo CLMNTK, que tamén se presentou
neste curso. Entre as ferramentas TIC para Primaria púxose o acento nas
webquest, presentando como exemplo a de
aforro e eficiencia enerxética no fogar e na escola publicada na subweb
de Primaria. A súa autora Ana Cristina Torres da Universidade de
Aveiro, foi quen fixo esta presentación das súas posibilidades
didácticas e educativas. Todas estas propostas responden ao centro de
interese “Movémonos e consumimos moi diferente a como o facían os nosos
avós. Isto provocou o cambio climático, pero coa miña axuda podémolo
frear”, que a súa vez se sustenta sobre a unidade 1 (cambio climático) e a unidade 2 (enerxía).

O segundo documental recolle un resumo das postas en común das
experiencias piloto que se presentaron o 6 de xuño, data na que se
clausurou o curso. As experiencias que presentaron os mestres dos
centros piloto, mostraron un elevado potencial de réplica, o que ten
máis mérito se cabe ao desenvolverse nos dous últimos meses de curso,
polo que o equipo Climántica quere destacar e agradecer esta
dedicación.



Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino