Resumo da conferencia "Evolución da Situación enerxética en España no marco do cambio climático"

 



Está dispoñible en Climántica TV un documental resumo da conferencia que
Ignacio de Loyola Hierro desenvolveu nas xornadas correspondentes á
Unidade 2 de Climántica, “Se quentamos queimamos”. Este profesor
coordina a cátedra de Desenvolvemento Sostible da Universidade de
Comillas e tamén imparte clases na Universidade Complutense de Madrid.
Entre as dimensións non universitarias relacionadas coa conferencia,
destaca as súas responsabilidades na Elaboración do Informe Anual do
Observatorio da Sustentabilidade e do Informe da Situación Enerxética
de España no marco do cambio climático do Ministerio de Medio Ambiente,
Agricultura y Medio Marino, tema central da súa conferencia. Disponse
da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou
relacionando a enerxía co nivel de
desenvolvemento, sinalando que aínda non estando a enerxía nos
obxectivos para o milenio da ONU, este organismo recoñece que para que
este desenvolvemento se produza é necesario un certo nivel
enerxético.
 
Sen embargo insistiu en que
isto non pode ser un argumento para xustificar o sobre consumo actual,
que é o que nos levou a que o consumo enerxético de orixe fósil nos
últimos 200 anos nos puxera ao borde do
esgotamento. Indicou tamén que este tipo de combustibles
supoñen máis do 80% do consumo enerxético actual.
Destacou ademais que 1/3 da humanidade non dispón de este tipo de
enerxía e ten que recorrer a queimar
leña
.

En relación a este abuso da enerxía
dos combustibles fósiles augurou unha duración do orde de 40 anos para
o petróleo, de 61 anos para o gas natural e duns 204 anos para o carbón, tendo presente a tecnoloxía que
hoxe coñecemos. Pero aquí puxo o acento tamén nos cambios que están
experimentando no consumo as economías emerxentes, destacando países
como China que en 1983 tiña un consumo do orde
do 6% e na actualidade xa supera o
20%.
 
Explicou que estes elevados niveis de
consumo de combustible fósiles son a causa de que pasáramos dun nivel
de CO2 na atmosfera de 280 ppm antes de 1800 ata os actuais niveis
comprendidos entre 380-400 ppm, sobre os que o IPCC establece unha
correlación directa entre aumento de emisións e aumento de temperatura.
Expuso que nos próximos 100 anos, de seguir a situación actual se
manteña, o IPCC prevé que se dupliquen estes niveis e iso implicará do
orde de 3ºC de aumento de temperatura global que no caso de España,
pode supoñer o aumento duns 7º
C
.

Situado así o escenario do cambio
climático, abordou a situación de superación do limite de crecemento
que temos establecido segundo o Protocolo de Kioto, que nos permite un
crecemento anual de emisións no período 2008-20012 non superior ao 15%,
cando temos superado o 50%, con tendencia progresiva en ascenso desde
que asinamos o Protocolo, con unha única diminución ata o de agora no ano 2006, pero
que atribuíu a unha serie de condicións atípicas favorecedoras da
diminución do consumo e que coincidiron ao longo do ano: verán non moi
cálido, inverno non frío e moita pluviosidade anual. Sinalou tamén que
temos que ser moito máis ambiciosos no novo protocolo, pasando da
redución do 5% actual global posta como obxectivo a unha redución de
máis do 80%.

Tamén indicou a situación atípica de
España con unha tendencia a aumentar a intensidade enerxética (consumo
de enerxía/PIB) cando os países da Unión Europea están diminuíndo esa intensidade enerxética. Dixo
que isto significaba que a nosa economía se sustentaba máis no formigón
e estaba a potenciar o aumento por emisións difusas na mobilidade,
cando noutros países do noso entorno estaban a potenciar outras
modalidades de mobilidade. Destacou tamén o papel do abuso da
electricidade, que segundo expresou vese favorecida polo baixo custo, o
que xustificou co dato de que unha familia de 4 membros está a pagar
unha media de 1,3 €/día no recibo
eléctrico
.
 
Esta situación
relacionouna tamén coa nosa dependencia enerxética exterior,
presentando a situación aínda máis preocupante, pois indicou que esta
estaba recoñecida oficialmente nun 80% pero indicou que o dato non era
real, dado que se consideraba que non tíñamos dependencia da enerxía
nuclear, porque se partía do suposto de que as nosas centrais nucleares nos abastecen,
pero sen embargo dixo que todo o uranio o estábamos importando de Francia,
porque temos o noso esgotado. Segundo esta argumentación concluíu que a
dependencia real é do 90%.

A pesares de concluír
desta forma a situación non sostible do uso da enerxía, rematou a súa
intervención facendo un chamamento ao optimismo por canto que preveu
unha ampla capacidade de resposta sobre campos como
o aforro e a eficiencia enerxética, a
extensión do uso de renovables, a captura e almacenamento do
CO2, a educación enerxética, o control de prezos, a posibilidade de
elixir vales de consumo para determinados usos, as posibilidades do
hidróxeno como vector que ocupe o lugar dos
carburantes derivados do petróleo, etc.




Resumo da conferencia "Da enerxía primaria á final: O futuro do hidróxeno"

 



Pode verse en Climántica TV un documental resumo da conferencia que
impartiu o 14 de marzo nas xornadas correspondentes á unidade 2 de Climántica, o profesor de
Enxeñería industrial da Universidade de Vigo e director da Axencia
Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó. A súa presentación está no apartado
de Biblioteca.

O profesor
Parajó introduciu o tema apoiándose nos conceptos de ruta enerxética,
enerxía primaria e final, facendo fincapé en que cada proceso de
transformación pérdese máis dun tercio. Tamén situou a
problemática enerxética sobre a inestabilidade socio política que supón
que uns países teñan a enerxía primaria e outros a enerxía final.

Desde
este enfoque abordou a situación enerxética actual, indicando que as
enerxías finais máis utilizables son a electricidade e os combustibles fósiles
derivados do petróleo. Sobre o
comportamento do consumo da industria, apostou por un
estancamento nos niveis de consumo, como consecuencia do control de
emisións e regulacións de eficiencia e aforro derivadas da xestión
económica racional. Pero preveu un aumento debido ao transporte e un aumento aínda máis grande
nos sectores doméstico e terciaria, sobre os que
argumentou que non cabe o control económico racional e solo se pode
solucionar con educación ambiental.

Nesta
extrapolación da situación enerxética actual cara o futuro, referiuse
tamén á superación dos niveis de consumo de petróleo aos niveis de
extracción desde nos anos oitenta do século pasado, e comentou a
preocupación que existe porque non dispoñamos de petróleo sobre o ano
2020. Sobre o gas natural fixo previsións semellantes. As
previsións máis optimistas sobre a duración do recurso fósil foron para
o carbón, pero catalogouno como o máis contaminante. Segundo esta visión de
limitación e tendo en conta de que estes combustibles fósiles son os
responsables de máis do 80% do actual cambio climático, concluíu a
necesidade de recorrer a outras fontes de
enerxía.

Respecto da opción de potenciar a enerxía nuclear fixo reflexións moi
interesantes sobre os ciclos de vida, partindo do dato de que o período
de vida útil dos reactores é de 40 anos, polo que concluíu
que os actuais xa estaban amortizados. A continuación aportou o dato de
que temos reservas de uranio para uns 20 anos, polo que os novos
reactores funcionarían durante a metade da súa vida útil. Outro dato
que presentou como limitación desta enerxía para facer fronte ao cambio
climático é que a necesidade de novas centrais para substituír as
térmicas é de 14 centrais nucleares por ano, cando o crecemento que
estamos a vivir é de 3 novas por ano, cos problemas ambientais de residuos que xa teñen asociadas. Sobre a
alternativa do Plutonio, con máis vida media e posibilidade de obtelo
desde o uranio usado, sinalou os problemas de explosións como a de
Chernóbil.

Sobre esta
panorámica decantouse polas renovables, como opción máis sensata para
facer fronte á cambio climático, pero fixo constar que na actualidade
carecemos de desenvolvemento tecnolóxico suficiente, polo que demandou
máis I+D+i para desenvolvelo. Destacou sobre todo como de máis
potencial a fotovoltaica, solar térmica e eólica, mentres que a hidráulica a pesares de estar máis madura a
nivel tecnolóxico, ten moi limitado o avance no contexto de cambio
climático. Tamén augurou un futuro pouco prometedor para os biocombustibles, tanto a nivel de biodiésel (de especies
oleaxinosas) como de biotenal (de cereais). Por último preveu un
crecemento para a xeotérmica e para a maremotriz aínda que moito
menor.

No marco desta liña discursiva, entrou de
pleno na última parte nuclear da súa conferencia: o futuro do hidróxeno. Empezou destacando o elevado
aproveitamento que pode ter a obtención de electricidade desde o
hidróxeno, xa que pode permitir acadar rendementos entre o 50% e o 70%.
Tamén indicou que había que ter presente que o hidróxeno é un vector,
non unha fonte de enerxía, polo que o seu papel clave na sociedade do
cambio climático, estará en ocupar o papel dos derivados do petróleo,
converténdose así no combustible con máis previsións de futuro para
substituír aos derivados do petróleo no transporte. Dixo que esta
substitución pode facelo de dúas formas, en motores de combustión
interna ou en pilas de combustible nas que a rección co
osíxeno deixa por residuo vapor de auga. Pero tamén fixo a observación
que para obtelo require de electricidade e se esta procede de
combustibles fósiles ou de enerxía nuclear, non será a enerxía limpa
que ambicionamos. Por iso se decantou por obtelo a partires de enerxía
fotovoltaica ou eólica, advertindo que de momento obtela así de pozo a
depósito é moi custoso. Sen embargo preveu que nun prazo de 15 ou 20
anos podería ser unha realidade que ocupara o oco dos actuais
combustibles derivados do petróleo, e en base a este dato xustificou o
feito de que todos os fabricantes de coches tiveran xa prototipos de
hidróxeno.

En definitiva, unha conferencia maxistral
dun experto en enerxía que nos centrou moi ben a relación da enerxía co
cambio climático, situando sobre el o futuro do hidróxeno na liña de
análise da enerxía primaria á final.



Inicio das experiencias piloto de Climántica en Primaria

 



Os 25 mestres que van a desenvolver as
primeiras experiencias piloto de Climántica en Primaria, unha vez que
remataron a formación das 5 xornadas presenciais -18 e 25 de abril e 9,
16 e 23 de maio -, inician a fase práctica nas súas aulas. Para
desenvolver as súas propostas piloto, terán en conta as actividades de
Aprendemos coas Escolas Climánticas que se
poden descargar en pdf desde o apartado Biblioteca, e que tamén se poden
desenvolver de xeito interactivo desde o apartado de Primaria. Tamén aplicarán o videoxogo para que os estudantes tomen
decisións de ordenación do territorio e xestión enerxética nos tres
territorios do apartado Videoxogo,  tendo presentes a
simulación das previsións de cambio  climático na primeira
metade do século XXI. O sábado 6 de xuño poranse en común estas
experiencias piloto.


Resumo da conferencia “Carbón e petróleo: limitacións e riscos xeolóxicos"

 



O venres 13 de marzo o profesor de
Xeoloxía da Universidade Complutense, Francisco Anguita impartiu a
terceira conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de
Climántica co tema dos límites e riscos xeolóxicos do carbón e do
petróleo, da que xa se pode ver o documental resumo en ClimánticaTV e disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou a
charla situando a enorme mortaldade derivada do carbón na actualidade
en China e describindo como o uso deste recurso, moito máis abundante
alí que o petróleo, condiciona a paisaxe e a atmosfera das grandes
cidades chinas. Sobre este exemplo, concluíu que o carbón non solo é
moi contaminante, senón que tamén ten unha extracción moi
perigosa.

A continuación tentou dar resposta aos
límites deste recurso. Para iso recorreu ao proceso de formación.
Situou a súa formación practicamente ao longo da totalidade dos tempos
xeolóxicos co máximo do Carbonífero e un impulso importante no
Triásico, despois de que durante Triásico tivera unha parada de
produción. Xustificou estes datos en base a que o defendeu a tese de
que a formación de carbón veuse favorecida polas oroxenias
probablemente porque estas provocaron enterramentos masivos de árbores.
En base a esta explicación, xustificou que o carbón estea repartido por
todo o mundo, o que diminúe moito o risco de invasións de fronteiras
para conseguilo e pon os seus límites moito máis lonxe no tempo que os
do petróleo.

O petróleo presentouno como o recurso
enerxético máis importante e con unha formación máis limitada nos
tempos xeolóxicos e unha residencia máis comprometida. Así dixo, que a
inversa do carbón, o petróleo formouse principalmente ligado a uns
períodos paleoclimáticos moi singulares como foron o Xurásico e o
Cretácico, de climas quentes e por tanto, épocas de transgresións
mariñas. Aquí defendeu a tese de que o petróleo é inimigo das
oroxenias, quedando a súa formación restrinxida a zonas de mares pouco
profundas que quedaron protexidas das oroxenias.

En
canto aos riscos, aquí puxo máis o acento nos riscos no transporte en
petroleiros.

Sobre os límites, empezou situando que
a extracción doada dun xacemento afecta solo ao 30% do petróleo que
contén, que é aquel non retido nos grans das areniscas. Matizou que si
se lle aplica auga e CO2 pódese extraer un 20% máis e se aínda así, se
segue tratando o xacemento con vapor de auga a presión, pódese extraer
un 15%. Deste xeito dixo que subindo o custo da extracción, podíase
retirar hasta uns 2/3 do contido no xacemento. Explicou que como os
xacementos se abandonan ao remate da primeira fase, hai técnicos que
aducen que aínda queda moito petróleo.

De seguido
comentou que aínda tendo en conta esta extracción extra que
probablemente non deixe o petróleo a un custo ao alcance de todos.
Reflexionou sobre o teito do petróleo, que se empezou a visualizar xa
na segunda metade do século pasado. Indicou que o primeiro que propuxo
unha predición foi Marion King Hubbert, en 1956. A súa previsión situou
un máximo de extracción no inicio da década 70, que aínda que polémica,
demostrou ser certa. Este éxito, levou a falar do pico do petróleo,
como o máximo do petróleo do que podemos dispoñer. Sobre estas
previsións, fixo mención a coincidencia entre o 2030 e 2070. Mencionou
sobre isto, posibilidades de buscar petróleo a altas profundidades e
incluso opcións con máis impacto ambiental, como obtelo a partires de
pizarras bituminosos. Sostivo que en todo caso estamos chegando a un
pico onde o petróleo e gas natural apuntan ao esgotamento sen que se
visualice unha fonte enerxética alternativa clara, o que nunca pasou
ata agora, pois comentou que en 1890 cando o carbón superou a leña,
levaba tempo visualizándose o potencial do carbón. O mesmo pasou cando
o conxunto petróleo e gas superou ao carbón a redor de 1940. Indicou
que si se mantén o nivel de demanda actual, as reservas dan para uns 40
anos, pero tamén mencionou a indefinición desta
predición.

Rematou con reflexións de carácter ético
– social futuristas como poden ser as consecuencias de que unha vez
rematados a extracción nos xacementos dos países que non son da OPEP,
que se prevé que pode ser a redor de 2020, pase a OPEP a controlar o
custo do petróleo mundial. E sobre isto propuxo ao auditorio o
interrogante sobre si é acertado ter o motor de combustión interna como
centro desta sociedade.

En definitiva, outra vez o
profesor Anguita nos deixou importantes reflexións e coñecementos para
interpretar a situación ambiental desde un rigoroso enfoque
xeolóxico.


Resumo da conferencia “Fluxos de enerxía nos ecosistemas e cambio climático"

 



O venres 13 de marzo o catedrático de
Ecoloxía da Universidade de Oviedo, impartiu a segunda conferencia das
xornadas de formación relativas á unidade 2 de Climántica na que
abordou as relacións do cambio climático cos fluxos de enerxía nos
ecosistemas, da que xa se pode ver o documental resumo en ClimánticaTV e disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Na primeira
parte situou os cambios que xa se produciron e os que se esperan no
clima polo cambio climático que se atribúe ás emisións derivadas do uso
dos combustibles fósiles que permitiu desvincularnos da enerxía
somática e posibilitou un aumento da
poboación.
 
Situou aquí a relación do
aumento destas emisións co quentamento da Terra por encima das
variacións naturais. Neste punto mencionou o risco de que a tendencia
actual nos leve a temperaturas a finais do século superiores ás máximas
deducidas pola Xeoloxía na historia da Terra.

Dixo
que a situación xa é moi preocupante con solo considerar o escenario
bastante favorable dun aumento de 3 ou 4 graos da temperatura global.
Nestas condicións a distribución da pluviosidade vai a variar,
aumentando nuns sitios e diminuíndo noutros. A súa vez os variacións de
temperatura non se manifestarán por igual en todas as rexións e
estacións. Así en Europa no inverno aumentarán as temperaturas máis
cara o Norte e no verán máis cara o Sur.

A
continuación pasou a comentar como lle afectan estes parámetros de
temperatura e humidade aos fluxos de enerxía dos ecosistemas. Para iso
fixo fincapé na relación da distribución dos grandes biomas en base á
combinación de temperatura e pluviosidade.

Explicou
a combinación de valores elevados de temperatura e humidade favorecen o
aumento de masas vexetais, relacionando esto con unha maior producción
primaria. Sinalou que as árbores perden auga coa transpiración e ese
vapor de auga que sae polos estomas é substituído por CO2, o que
favorece valores elevados de producción primaria. En base a estes
razoamentos, sostivo que os valores máximos a nivel global cambian por
tanto a nivel estacional, situándose no hemisferio N na primavera e no
hemisferio S no outono.

Por tanto concluíu que o
cambio climático ao estar afectando aos valores das temperaturas medias
e precipitacións rexionais, modificará os fluxos de enerxía nos
ecosistemas. Como exemplo, indicou que a produción nos ecosistemas
españois tenderá a diminuír a medida que o vai facendo a
dispoñibilidade hídrica.
 
Como reflexión
final fixo fincapé na necesidade de ter datos significativos e amplos
para afrontar as medidas de mitigación e adaptación, poñendo de
manifesto que as redes de observadores escolares como as que funcionan
en Climántica, non solo teñen un importante valor educativo, senón que
si se sosteñen ao longo do tempo, poden deixar series de datos moi
útiles para facerlle fronte ao cambio climático.

En
definitiva, o profesor Anadón deixounos con esta conferencia unha
análise moi importante para relacionar aspectos científicos tan
complexos como importantes e necesarios na aula como son os fluxos de
enerxía dos ecosistemas e o cambio
climático.



Resumo da conferencia "Historia do uso da enerxía"

 



O venres 13 de marzo o catedrático de
Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e Vicepresidente
do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz–Fierros, impartiu a primeira
conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de
Climántica na que abordou a Historia do uso da enerxía, con
exemplificacións no contexto de Galicia, da que xa se pode ver o documental resumo en Climántica TV.

Situou a
orixe da enerxía que necesitamos no Sol, expoñendo que esta enerxía
electromagnética acaba resolvéndose mediante diferentes transformacións
nas que se vai degradando e disipando como enerxía calorífica que
aumenta a entropía do medio. En base a este enfoque, propuxo unha liña
de análise da historia do uso da enerxía facendo un seguimento da
historia dos convertedores.

Seguindo esta liña,
sinalou que o primeiros convertedores foron os vexetais, mediante a
fotosíntese, con unha eficiencia do orde do 1 ao 1,5%. Relacionou tamén
este convertedor coa fosilización que leva a que a enerxía química así
obtida quede gardada como reserva nos combustibles fósiles. Referiuse
de seguido ao segundo convertedor de enerxía en aparecer sinalando que
foron os herbívoros con unha eficiencia maior, do orde do 10%. En
relación a este convertedor, argumentou que esta eficiencia conseguiuse
aumentar mediante a domesticación dos animais e aplicación de técnicas
para mellorar o seu rendemento no traballo, en especial a partires do
que se coñece como a revolución agrícola, chegando así a eficiencias
nos cabalos do orde do 18%, que foi a conversión máis eficiente ata o
século XIX. Para situar máis este tema, fixo mención a que o home fai
aproximadamente 8.000 anos empezou a cultivar plantas en Oriente
próximo. Sobre estes inicios da agricultura, situou a incorporación de
animais para facer traballo, sinalando que esta incorporación lle
permitiu mellorar as súas posibilidades de traballo físico situadas nos
100 W de potencia. Explicou que a utilización dos bois supuxo unha
multiplicación por 4 e o uso de cabalos permitiulle pasar aos 800 W,
mencionando que esta  medida dou pé ao establecemento da
unidade do Cabalo de vapor, que se corresponde coa potencia que ten un
cabalo.

Unha vez situada a importancia dos animais
pasou a tratar o seguinte convertedor que apareceu e que está moi
ligado ao uso de animais: as rodas. Comentou que o seu uso apareceu fai
uns 5.500 anos, en introduciuse en Galicia, segundo estudos do equipo
de Fábregas, fai uns 4.000 anos, uns mil anos despois da aparición dos
cultivos de cereais. Sobre este desenvolvemento inicial da agricultura,
expuxo que no inicio dos cultivos das leiras en Galicia permitían
colleitas durante un ano ou dous. En relación a este dato, sinalou que
logo deixaban de ser fértiles ata uns 30 anos máis tarde. Explicou
tamén como a fertilidade dos solos de Galicia cando se empezaron a
cultivar viuse moi diminuída pola erosión o que dou pé aos bancais, que
parece ser que apareceron xa na época dos castros, permitindo un maior
aproveitamento enerxético da superficie cultivable. Sobre esta
revolución agrícola, concluíu que en Galicia abriu un ciclo moi
estable, desde fai uns 4.500 anos ata, máis alá do século
IX.
 
Situou no século IX a aparición duns
convertedores importantes ligados á enerxía hidráulica: o muíño de auga
(maioritariamente de roda horizontal) e a forxa hidráulica (normalmente
de roda vertical), e con menos importancia, aparece tamén o muíño de
vento. Entre os séculos XII e XIII aumentaron as ferrerías hidráulicas
onde a auga ao impactar na roda vertical provocaba movemento nun mazo
que golpeaba o ferro incandescente coas cinzas da madeira para obter
así unha mestura de C e Fe capaz de formar un aceiro resistente. Tamén
sinalou que paralelamente apareceu, con menos importancia, o
aproveitamento do vento mediante muíños de casa fixa como os de Catoira
e tamén asistimos a un desenvolvemento da vela para a navegación que da
paso ás carabelas no século XIV que evolucionan ata os grandes veleiros
do século XVIII. Neste contexto iniciado no século IX e ata o século
XIII, sinalou que se produciron importantes avances na agricultura como
a alternancia de cultivos: millo, centeo e cebada. Outro adianto desta
época que salientou foi o arnés do cabalo, que permite labrar sitios
moi pesados con arados de aceiro obtidos na forxa hidráulica, ao verse
o animal liberado do risco de
afogamento.
 
Comunicou tamén que a pesares
destes avances tecnolóxicos, non é ate o século XIX cando a enerxía da
máquina empeza a camiñar para superar á enerxía somático (do home e dos
animais). Dixo que as maquinas de vapor anteriores ás deste século
tiñan unhas eficiencias que non superaban o 10%. Suliñou que en Galicia
a primeira máquina de vapor púxose en marcha nos estaleiros de Ferrol
para achicar diques. En relación á entrada da máquina de vapor en
Galicia, reflexionou sobre a ferrería de Sargadelos que puido ser o
principio de industrialización, pero en realidade foi o remate do ciclo
da madeira e da auga polo esgotamento da madeira, sen que se dera o
paso nas súas ferrerías ao uso do carbón mineral na máquina de vapor
aplicada á siderurxia. En relación a esta época, indicou tamén que o
ferrocarril apareceu en Galicia en 1873 coa liña Santiago – Carril,
abríndose a continuación á liña a Madrid.

A
continuación entrou nos vectores do século XX, sinalando que a
aparición da luz eléctrica en Galicia foi moi rápida, pois desde o seu
inicio en Pontevedra en 1888, expandiuse a todas as vilas e cidades nos
8 anos seguintes. Sinalou tamén que en 1925 empezou a etapa dos grandes
encoros, coa instalación de 24.000 cabalos na moderna Central que hoxe
é Tambre I. Unha vez situada a importancia da electricidade, abordou o
outro avance no uso da enerxía no inicio do século XX coa introdución
dos motores de combustión interna. Situou a entrada dos coches en
Galicia coa fabricación dos coches Castro que funcionou entre
1902-1904. Expuxo que o uso da electricidade e do coche levou a un
importante aumento no consumo enerxético per cápita. Tamén comentou que
durante o desenvolvemento tecnolóxico a poboación de Galicia pasou do
orde de 300.000 habitantes que se calcula que tiña Galicia no ano 1300
ata os case 3 millóns actuais.

Así que desta
interesante conferencia para a aplicación da unidade 2 de Climantica,
podemos concluír que Galicia se comportou igual que o resto do mundo,
coa maior dispoñibilidade de enerxía aumentou a súa poboación e a súa
vez aumentou tamén o consumo per
cápita.



Documental sobre a presentación da Unidade 2 nas xornadas do 13 e 14 de marzo

 





As xornadas comezaron coa
presentación da Unidade 2 por parte do director de Climántica,
Francisco Sóñora. Acaba de publicarse en Climántica TV un documental que
contén un resumo desta presentación. En primeiro lugar explicou a súa
estrutura e os seus fíos condutores baseados no cambio climático e na
historia das fontes enerxéticas. A continuación fixo un percorrido por
cada capítulo, sinalando posibles obxectivos didácticos que poden
contribuír a acadar cada un dos oito capítulos. Por último comentou as
posibilidades didácticas da segunda fase desta unidade 2 en base á
experiencia do desenvolvemento da fase II da unidade 1.





Primeira xornada do curso para maestros que desenvolven experiencias piloto de Climántica

 



O sábado 18 de abril desenvolveuse a primeira sesión do I curso Aprendendo coas Escolas Climánticas.



Na primeira media hora presentouse o curso en base as características
do proxecto, a concepción do primeiro centro interese para Primaria
configurado polo estudo da evolución desde a xeración dos avós da forma
de consumir e de movernos. Tamén se relacionou o curso cos produtos
para Primaria (actividades en papel e interactivas web do libro Aprendemos coas escolas Climánticas, bandas deseñadas, novela A treboada de C e o videoxogo CLMNTK) e rematouse a presentación concretando estes aspectos na axenda das 6 sesións presenciais.



A continuación iniciáronse as actividades na aula de informática de
Físicas das actividades programadas para a primeira sesión, onde se
traballou co obxectivo: “Elaborar un prototipo de blogue de aula para
Primaria en Aprendemos coas Escolas Climánticas”, facendo especial
fincapé nos seguintes aspectos relativos á administración de blogues:
acceso e administración, creación de categorías, inxestión de vínculos,
utilización de etiquetas (tags), redacción, edición e publicación de
entradas (posts) con textos, etiquetas e vínculos.


Resumo da posta en común da fase práctica do curso de CC para o Mundo Contemporaneo

 





Durante a xornada de mañá do sábado 7
de marzo os docentes que asistiron ao curso Climántica nas CC. para o
Mundo Contemporáneo dende a sostibilidade e as TIC presentaron as
conclusións da aplicación da fase práctica do curso. Neste documental publicado en ClimánticaTV
recóllese un resumo da posta en común. As presentacións organizáronse
en tres quendas. Antes do descanso presentáronse as aplicacións dos
blogues temáticos e a continuación, dentro desta primeira parte,
abriuse a segunda quenda, onde as tres profesoras de Portugal
presentaron a aplicación que fixeron dentro do seu sistema educativo.
Despois do descanso desenvolveuse a posta en común corresponde ao
terceira quenda, onde os profesores de CC. Para o Mundo Contemporáneo
que desenvolveron a materia con esta proposta, expuxeron as súas
conclusións e valoracións. Cada quenda tivo a súa correspondente fase
de coloquio. A vista dos resultados, o equipo Climántica quere
manifestar os seus parabéns e agradecementos pola excelencia docente
que se puxo de manifesto.


Clausura do curso "Climántica na materia de CCMC, dende a sostibilidade e as TIC"

 





O curso de posgrao de Climántica na
materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, dende a sostibilidade e
as TIC
clausurouse o pasado 7 de marzo en Cuntis, coa celebración
dunha mesa redonda. Os participantes da mesma aportaron dende diversas
disciplinas a súa visión sobre a problemática do cambio climático
abrindo interesantes vías de debate para que os docentes as exploren co
seu alumnado.



O xeólogo Francisco Anguita suxeriu botar unha ollada ao pasado
climático do Planeta para poder comprender os escenarios futuros, e nos
introduciu no último período da historia da Terra, o Antropoceno.
Emilio Marañón mergullouse na Oceanografía e deixou moi clara a vital
importancia dos océanos como sumidoiros naturais de CO2 ( a metade de
todo o CO2 antropoxénico emitido á atmosfera dende a revolución
industrial foi captado polos océanos). Pola súa parte Jacobo Feijóo
disertou sobre o papel da agricultura no marco do cambio climático,
sostendo que un dos retos futuros da mesma é a produción de forma
sostible dos alimentos para unha poboación en constante crecemento. A
intervención de Ángel Carracedo centrouse na xenética das poboacións
humanas e no estudo da súa variación indicando que a diversidade das
poboacións humanas permitiu adaptarnos a climas e lugares distintos.
José Rivas fixo un percorrido polas últimas tendencias na investigación
en Nanotecnoloxía e das diferentes aplicacións que pode ter nun futuro
non tan lonxano en áreas como a do ambiente,  recursos, enerxía ou na
medicina.



En ClimánticaTV xa se pode ver o documental sobre esta mesa redonda.


Curso de formación do profesorado "Aprendendo coas Escolas Climánticas"

 



O sábado 18 de abril comezará a partires das 10 da mañán o
curso de formación do profesorado Aprendendo coas Escolas Climánticas, que se
desenvolverá na súa fase presencial os sábados 18 e 25 de abril, e 9,
16 e 23 de maio de 2009 das 10:00 ás 14: 00 horas, e  rematará
coa posta en común o 6 de xuño de 2009, sábado, das 09:30 ás 14:30
horas. O lugar de celebración será a Facultade de Físicas no campus Sur
da Universidade de Santiago de Compostela.

A
finalidade deste curso é prácticar as metodoloxías para a introducción
do proxecto Climántica en primaria, o cal consta de 30 horas. A
inscripción pode facerse a través do Sistema de Xestión da Formación do Profesorado
http://www.edu.xunta.es/fprof ata o 27 de
marzo de 2009.

Para ampliar información pódese
descargar o tríptico do
curso
.


Finalizado o Segundo curso presencial de formación do profesorado

 





Durante a tarde do venres 13 e a mañá
do sábado 14 de marzo desenvolvéronse as actividades do curso
presencial de formación do profesorado correspondente á segunda etapa
de Climántica de enerxía e cambio climático. Nas xornadas presentouse o
contido do libro didáctico Se
queimamos quentamos
que supón a base do deseño de
posteriores propostas didácticas e alimenta de contido inicial a esta
segunda etapa que se pon en marcha.

Climántica
agradece o esforzo dos relatores por situar as comunicacións
científicas no marco da estrutura deste libro didáctico e o rigor e
claridade das súas exposicións. Tamén quere agradecer a atención e
participación dos máis de 400 asistentes a estas
xornadas.

O equipo de autores do libro que se
entregou en formato CD e que en breve pasará a ser contido navegable do
apartado desta web que se refire á etapa 2, desexan que este material
sexa útil aos docentes.



Nota sobre o programa social do curso da Unidade 2 de Climántica

 



Unha vez pechado o período de solicitude de pernoctación,
procédese neste intre a comunicación dos resultados por medio dun
correo electrónico a cada un dos admitidos, coa lista dos mesmos (nun
archivo adxunto).

Podedes contestar ao mesmo correo
electrónico, no prazo de 24 hs. (péchase o xoves ás 15:00 hs.), no caso
de que teñades algunha preferencia a hora de compartir
habitación.

En caso de non recibir contestación o
criterio de adxudicación será o marcado na propia ficha de solicitude:
segundo estrito orde de chegada da ficha e sexo dos
solicitantes.

O reparto de habitacións será
notificado nun segundo mail.

Se tedes algunha dúbida
respecto ao programa social podedes chamar ao teléfono 981 93 53 03
(Ana)
.

Quedan prazas dispoñibles para a
cea e para o cóctel que poden solicitarse enviado un correo a cursoud2@climantica.org.


Posta en común

 

Posta en
común da aplicación na aula do curso "Climántica na materia de CC. para
o Mundo Contemporáneo dende a sostibilidade e as
TIC"




O sábado 7 de marzo
celébrase a partires das 10 da mañán a posta en común das actividades
de investigación acción desenvoltas con bloges de aula no marco do
primeiro curso de posgrao semipresencial “Climántica na materia de CC.
para o Mundo Contemporáneo dende a sostibilidade e as TIC". As
presentacións serán no Centro sociocultural e xuvenil Jose Raido
“Patelas” sito na rúa Xoán Xesús González de
Cuntis.

A sesión rematará pola tarde coa mesa
redonda de fin de curso "Ciencias do mundo contemporáneo para o cambio
climático" que se celebrará no mesmo auditorio e que ten como hora de
inicio ás 17:00. Na mesa intervirán os seguintes
expertos:

  • D. Francisco Ánguita.
    Profesor de Xeoloxía da Universidade Complutense. “Xeoloxía
    contemporánea para o cambio
    climático”.

  • D. Ángel Carracedo. Director
    do Instituto de Medicina Legal da USC. “Xenómica para o cambio
    climático”.

  • D. Jacobo Feijó. Secreterio
    Xeral de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias. “Agronomía
    contemporánea para o cambio
    climático”.

  • D. Emilio Marañón. Profesor
    de Oceanografía da Universidade de Vigo. “Oceanografía contemporánea
    para o cambio
    climático”.

  • D. José Rivas. Director
    Xeral do INL-International Iberian Nanotechnology Laboratory.
    “Nanotecnoloxía para o cambio
    climático”.


Está publicado en ClimánticaTV o documental sobre a introducción de Climántica en Primaria

 



Xa se pode ver en ClimánticaTV o vídeo da primeira sesión formativa dirixida
a docentes sobre a entrada do proxecto de educación ambiental
Climántica en Educación Primaria que tivo lugar o venres 30 de xaneiro
de 2009 no Museo Pedagóxico de Galicia.

O autor da
Treboada de C,
Agustín Agra, presentou a novela que creou para levar ás súas clases de
Bioloxía e Xeología o cambio climático. Comentou o fio condutor do
cambio climático centrado nunha anécdota persoal real dun profesor ao
que lle levou o coche a treboada que ocorreu na vila de Cee no outono
de 2006.

Propúxose que esa obra tivera moita
ecoloxía, polo que pensou que tiñan que aparecer moitas especies, ás
que lle dou carácter personificado. Tamén dixo que escollera outros
persoaxes inanimados que tamén personificou para conseguir que
expliquen e opinen. De esta forma abordou os incendios do verán do
2006, que tiveron que ver coas consecuencias desa treboada, tamén
abordou temas como urbanismo e a contaminación. Sinalou ademais a
estrutura en 24 capítulos, as características dos personaxes e o que
lle permiten comunicar.

Tamén mencionou que nunha
sesión de clase se poden traballar dous relatos, cada un dos cales
suporía unha lectura colectiva de 5 minutos que permitiría facer
actividades durante outros 20 minutos. De esta forma a novela logra
abordar o cambio climático e diversos aspectos relacionados con este
problema global, buscando que os estudantes cheguen as súas propias
conclusións fuxindo das moralinas.

A continuación
Luz Castro, coordinadora do grupo de traballo que elaborou o videoxogo
presentou as posibilidades educativas do videoxogo CLMNTK co que xa se pode
xogar na páxina de Climántica.

Explicou que se
simula a xestión de 3 territorios ao longo da primeira metade do século
XXI no marco do cambio climático no que hai que tomar decisións sobre o
consumo e xestión enerxética, sendo os niveis de consumo e de emisións
de CO2 os indicadores que permiten avaliar as decisións e accións
executadas.

Indicou tamén que este non é un
videoxogo de contidos, pois os contidos solo están presentes nas
orientacións da mascota Climi. Trátase dun videoxogo para poñer en
práctica os contidos. Tamén sinalou que se buscou que as decisións non
se avaliaran en termos de branco ou negro, e así tívose en conta que se
solo se recorre á enerxía das renovables en determinados momentos
quedarase sen enerxía.

A terceira intervención
correo a cargo da coordinadora TIC de Climántica, Susana Vázquez, quen
en base aos 4 sistemas de blogs
actuais: proxecto interdisciplinar sobre clima e cambio
climático de ESO (Climaeucambio), CC. para o Mundo Contemporáneo de
Bacharelato, Internacionais e Temáticos, explicou a potencialidade dos
blogs e foros para a aplicación do proxecto en
Primaria.

Por último, o director de Climántica,
Francisco Sóñora relacionou os cinco centros de interese para a
aplicación do proxecto en Primaria coas oito etapas de Climántica.
Explicou así o material didáctico de Escolas Climántica para o primeiro centro de
interese de enerxía e cambio climático. Centrouse sobre todo na
estrutura con orientacións para o docente e fichas de traballo para o
estudante exemplificando os capítulos 7, 8 e 9 que teñen que ver cos 3
produtos lúdico imaxinativos deseñados para primaria: bandas deseñadas,
novela e videoxogo.

Rematou a súa intervención
caracterizando o subweb para a aplicación do proxecto en Educación
Primaria e presentando o curso semipresencial que se desenvolverá na
Facultade de Físicas os días 18 e 25 de abril e 9, 16 e 23 de maio, en
base ás actividades desta subweb, dos edublogs e eduforos de primaria,
do videoxogo e dos obradoiros que están propostos no manual Aprendendo coas Escolas Climánticas nº
1
.



Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino