O día 6 de xuño coincidindo coa celebración do Día mundial do medio ambiente, o equipo docente do IFP A Granxa que lidera a participación na Axenda 21 escolar dese centro, invitou ao Director Xeral de Desenvolvemento Sostible e ao Director do proxecto Climántica para que explicaran o reto do cambio climático e a contribución deste proxecto para afrontalo. Na presentación oficial da sesión formativa, que se celebrou no auditorio de Ponteareas, tamén interviron o Alcalde de Ponteareas e o Equipo docente coordinador da Axenda 21 escolar do IES A Granxa. O auditorio estivo constituído polos alumnos de secundaria dos institutos da zona educativa. Na fase de coloquio os estudantes preguntaron sobre a posible relación dos incendios forestais co cambio climático e sobre as posibilidades das enerxías renovables. O profesorado preguntou sobre o papel da enerxía nuclear e sobre a importancia dos bosques como sumidoiro.