Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible convoca a SEGUNDA EDICIÓN dos Premios Climántica. Os segundos premios consisten nunha estancia de 5 días nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia no que tamén se desenvolverán actividades deportivas e de lecer. Esta estancia levarase a cabo ao remate do curso 2007-2008 en dúas quendas diferentes: entre o 23 e o 27 de xuño para ESO e entre o 8 e o 12 de setembro para bacharelato e ciclos formativos. A diferenza dos Primeiros Premios Climántica celebrados en novembro de 2007, os segundos premios outorgaranse por traballos enviados para publicar no primeiro número da revista CLMNTK e que se presentarán no Primeiro Congreso de Estudantes Climántica
Establécense as seguintes categorías:
1.-Literatura: Redaccións, relatos reais e de ficción ou poesía cuxa temática xire sobre algún tema que se trate no proxecto.
1.1 Narrativa
1.2 Poesía
1.3 Comics
2.-Multimedia: Os formatos nos que se presenten deben responder ás seguintes características técnicas: resolución mínima 320 x 240. Formato de vídeo: mov, mp4, vob, dv, flv, avi, 3gp.
2.1 Curtos nos que se conte unha historia sobre a base dun guión. Pequenos vídeos (ver cómo facer unha película co teu móbil).
2.2 Presentacións
2.3 Entrevistas, representacións teatrais e cancións grabadas
3.-Artes plásticas:
3.1 Fotografía. Cada foto debe levar unha breve referencia do que autor/a quere comunicar con ela.
3.2 Debuxos
3.3 Pósters. Neste caso deberá facerse chegar o orixinal ao enderezo de contacto de Climántica.
Cada traballo que se envíe deberá ir acompañado da ficha de inscripción na que o autor/a ou autores (máximo 3 membros por grupo) describan o que desexan comunicar co traballo.
Os traballos remitiranse á seguinte dirección de correo electrónico concursos@climantica.org. O prazo de presentación de traballos vai desde a data de publicación desta convocatoria na web ate o 15 de maio do 2008.
Todos os traballos que cumpran os requisitos mínimos inseriranse na web na sección Concurso dentro do epígrafe de Centros. Todos os traballos que sexan incorporados á web de Climántica tamén se publicarán na revista dos estudantes de Climántica CLMNTK e serán premiados co envío dunha camiseta ou dun maillot do proxecto, para o que se fará constar no correo co que se remita o traballo a elección de camiseta ou maillot e a talla.
Os traballos elexidos para publicar na revista dos estudantes de Climántica CLMNK presentaranse no I Congreso de estudantes de Climántica. Os premios serán comunicados neste PRIMEIRO CONGRESO DE AUTORES CLIMÁNTICA que se celebrará en Santiago o 21 de xuño do 2008 no Pazo de Congresos de Galicia.
Outorgaranse 10 premios por cada categoría para alumnado de ESO (un total de 30 premios para a quenda de xuño) e outros tantos para bacharelato e ciclos de grao medio e superior (un total de 30 premios para a quenda de setembro). Se os traballos dunha categoría non reúnen os requisitos mínimos de calidade para ocupar os 10 premios desa categoría, poderá incrementarse o número de premios das restantes categorías si estes reunen suficiente calidade. Os premios poderán declararse premios desertos, sempre que o xurado considere que non hai suficientes traballos de calidade para cubrir os 30 premios de ESO ou os 30 de bacharelato e ciclos formativos.
Os criterios que se seguirán para avaliar os traballos serán:
- Que exista unha relación clara co proxecto.
- Orixinalidade.
- Elaboración rigorosa.
- Capacidade de sensibilización.
- Grao de madurez na elaboración técnica.
- Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.
Para poder percibir o premio, o estudante deberá presentar antes da saída unha certificación académica en conforme estivo matriculado durante o curso 2007-2008 nun centro de ensino no nivel polo que concursou, copia certificada do DNI e se fora menor de idade unha autorización, permitíndolle asistir á estancia, asinada polo pai, nai ou titor legal.
Se tes dificultades co teu proxecto podes recibir apoio técnico enviando un correo electrónico concursos@climantica.org