Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible convoca a primeira edición dos premios Climántica para elaboración de traballos sobre este proxecto de Educación Ambiental. Os premios consisten nunha estancia totalmente gratuíta de 5 días nun campamento de Educación Ambiental de Galicia no que tamén se desenvolverán actividades deportivas e de lecer. Esta estancia levarase a cabo en setembro, antes do inicio das clases do curso 2007-2008.
Os premios outorgaranse a traballos relacionados co contido do proxecto Climántica. Establécense 3 categorías:
Narrativa: Redaccións, relatos reais e de ficción cuxa temática xire sobre algún tema que se trate no proxecto.
Multimedia: pequenos vídeos, presentacións e animacións. Os formatos nos que se presenten deben responder ás seguintes características técnicas: resolución mínima 320 x 240. Formato de vídeo: mov, mp4, vob, dv, flv, avi, 3pg. Cada traballo multimedia irá acompañado dunha breve referencia do que o autor/a quere comunicar con ese traballo.
Fotografía: Cada foto debe levar una breve referencia do que autor/a quere comunicar con ela.
Os traballos remitiranse á seguinte dirección de correo electrónico climantica@xunta.es O prazo de presentación de traballos é de dous meses, iniciándose o 18 de xuño e rematando o 18 de agosto e comunicaranse os premiados o 24 de agosto mediante un anuncio na web e envío dun correo electrónico á conta coa que se enviou o traballo.
Todos os traballos que cumpran os requisitos mínimos inseriranse na web no apartado de “concurso”. Todos os traballos que sexan incorporados á web de Climántica serán premiados co envío dunha camiseta ou dun maillot do proxecto, para o que se fará constar no correo co que se remita o traballo a elección de camiseta ou maillot e a talla.
Outorgaranse 10 premios por cada categoría para alumnado de ESO (os estudantes terán que ter cumpridos os 15 anos o 31 de decembro de 2007) e outros tantos para bacharelato e ciclos de grao medio e superior. Haberá dúas quendas, un para os 30 alumnos de ESO e outra diferente para os 30 alumnos de bacharelato e ciclos. Para outorgar os premios constituirase un xurado de expertos por cada categoría que se reunirán o día 23 de agosto. Os criterios que se seguirán para avaliar os traballos serán:
Que exista unha relación clara co proxecto.
Orixinalidade.
Elaboración rigorosa.
Capacidade de sensibilización.
Grao de madurez na elaboración técnica.
Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.
Poderán declararse premios desertos se o xurado considera que non hai suficientes traballos de calidade para cubrir os 30 premios de ESO ou os 30 de bacharelato e ciclos formativos.
Para poder percibir o premio, o estudante deberá presentar antes de saída unha certificación académica en conforme estivo matriculado durante o curso 2006-2007 nun centro de ensino no nivel polo que concursou, copia certificada do DNI e se fora menor de idade unha autorización, permitíndolle asistir á estancia, asinada polo pai, nai ou titor legal; da que poderá descargar o formulario na web.