Resumo da conferencia “Carbón e petróleo: limitacións e riscos xeolóxicos"

 



O venres 13 de marzo o profesor de
Xeoloxía da Universidade Complutense, Francisco Anguita impartiu a
terceira conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de
Climántica co tema dos límites e riscos xeolóxicos do carbón e do
petróleo, da que xa se pode ver o documental resumo en ClimánticaTV e disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou a
charla situando a enorme mortaldade derivada do carbón na actualidade
en China e describindo como o uso deste recurso, moito máis abundante
alí que o petróleo, condiciona a paisaxe e a atmosfera das grandes
cidades chinas. Sobre este exemplo, concluíu que o carbón non solo é
moi contaminante, senón que tamén ten unha extracción moi
perigosa.

A continuación tentou dar resposta aos
límites deste recurso. Para iso recorreu ao proceso de formación.
Situou a súa formación practicamente ao longo da totalidade dos tempos
xeolóxicos co máximo do Carbonífero e un impulso importante no
Triásico, despois de que durante Triásico tivera unha parada de
produción. Xustificou estes datos en base a que o defendeu a tese de
que a formación de carbón veuse favorecida polas oroxenias
probablemente porque estas provocaron enterramentos masivos de árbores.
En base a esta explicación, xustificou que o carbón estea repartido por
todo o mundo, o que diminúe moito o risco de invasións de fronteiras
para conseguilo e pon os seus límites moito máis lonxe no tempo que os
do petróleo.

O petróleo presentouno como o recurso
enerxético máis importante e con unha formación máis limitada nos
tempos xeolóxicos e unha residencia máis comprometida. Así dixo, que a
inversa do carbón, o petróleo formouse principalmente ligado a uns
períodos paleoclimáticos moi singulares como foron o Xurásico e o
Cretácico, de climas quentes e por tanto, épocas de transgresións
mariñas. Aquí defendeu a tese de que o petróleo é inimigo das
oroxenias, quedando a súa formación restrinxida a zonas de mares pouco
profundas que quedaron protexidas das oroxenias.

En
canto aos riscos, aquí puxo máis o acento nos riscos no transporte en
petroleiros.

Sobre os límites, empezou situando que
a extracción doada dun xacemento afecta solo ao 30% do petróleo que
contén, que é aquel non retido nos grans das areniscas. Matizou que si
se lle aplica auga e CO2 pódese extraer un 20% máis e se aínda así, se
segue tratando o xacemento con vapor de auga a presión, pódese extraer
un 15%. Deste xeito dixo que subindo o custo da extracción, podíase
retirar hasta uns 2/3 do contido no xacemento. Explicou que como os
xacementos se abandonan ao remate da primeira fase, hai técnicos que
aducen que aínda queda moito petróleo.

De seguido
comentou que aínda tendo en conta esta extracción extra que
probablemente non deixe o petróleo a un custo ao alcance de todos.
Reflexionou sobre o teito do petróleo, que se empezou a visualizar xa
na segunda metade do século pasado. Indicou que o primeiro que propuxo
unha predición foi Marion King Hubbert, en 1956. A súa previsión situou
un máximo de extracción no inicio da década 70, que aínda que polémica,
demostrou ser certa. Este éxito, levou a falar do pico do petróleo,
como o máximo do petróleo do que podemos dispoñer. Sobre estas
previsións, fixo mención a coincidencia entre o 2030 e 2070. Mencionou
sobre isto, posibilidades de buscar petróleo a altas profundidades e
incluso opcións con máis impacto ambiental, como obtelo a partires de
pizarras bituminosos. Sostivo que en todo caso estamos chegando a un
pico onde o petróleo e gas natural apuntan ao esgotamento sen que se
visualice unha fonte enerxética alternativa clara, o que nunca pasou
ata agora, pois comentou que en 1890 cando o carbón superou a leña,
levaba tempo visualizándose o potencial do carbón. O mesmo pasou cando
o conxunto petróleo e gas superou ao carbón a redor de 1940. Indicou
que si se mantén o nivel de demanda actual, as reservas dan para uns 40
anos, pero tamén mencionou a indefinición desta
predición.

Rematou con reflexións de carácter ético
– social futuristas como poden ser as consecuencias de que unha vez
rematados a extracción nos xacementos dos países que non son da OPEP,
que se prevé que pode ser a redor de 2020, pase a OPEP a controlar o
custo do petróleo mundial. E sobre isto propuxo ao auditorio o
interrogante sobre si é acertado ter o motor de combustión interna como
centro desta sociedade.

En definitiva, outra vez o
profesor Anguita nos deixou importantes reflexións e coñecementos para
interpretar a situación ambiental desde un rigoroso enfoque
xeolóxico.


Comentarios:
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado

Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino