Resumo da conferencia "Historia do uso da enerxía"

 



O venres 13 de marzo o catedrático de
Edafoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e Vicepresidente
do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz–Fierros, impartiu a primeira
conferencia das xornadas de formación relativas á unidade 2 de
Climántica na que abordou a Historia do uso da enerxía, con
exemplificacións no contexto de Galicia, da que xa se pode ver o documental resumo en Climántica TV.

Situou a
orixe da enerxía que necesitamos no Sol, expoñendo que esta enerxía
electromagnética acaba resolvéndose mediante diferentes transformacións
nas que se vai degradando e disipando como enerxía calorífica que
aumenta a entropía do medio. En base a este enfoque, propuxo unha liña
de análise da historia do uso da enerxía facendo un seguimento da
historia dos convertedores.

Seguindo esta liña,
sinalou que o primeiros convertedores foron os vexetais, mediante a
fotosíntese, con unha eficiencia do orde do 1 ao 1,5%. Relacionou tamén
este convertedor coa fosilización que leva a que a enerxía química así
obtida quede gardada como reserva nos combustibles fósiles. Referiuse
de seguido ao segundo convertedor de enerxía en aparecer sinalando que
foron os herbívoros con unha eficiencia maior, do orde do 10%. En
relación a este convertedor, argumentou que esta eficiencia conseguiuse
aumentar mediante a domesticación dos animais e aplicación de técnicas
para mellorar o seu rendemento no traballo, en especial a partires do
que se coñece como a revolución agrícola, chegando así a eficiencias
nos cabalos do orde do 18%, que foi a conversión máis eficiente ata o
século XIX. Para situar máis este tema, fixo mención a que o home fai
aproximadamente 8.000 anos empezou a cultivar plantas en Oriente
próximo. Sobre estes inicios da agricultura, situou a incorporación de
animais para facer traballo, sinalando que esta incorporación lle
permitiu mellorar as súas posibilidades de traballo físico situadas nos
100 W de potencia. Explicou que a utilización dos bois supuxo unha
multiplicación por 4 e o uso de cabalos permitiulle pasar aos 800 W,
mencionando que esta  medida dou pé ao establecemento da
unidade do Cabalo de vapor, que se corresponde coa potencia que ten un
cabalo.

Unha vez situada a importancia dos animais
pasou a tratar o seguinte convertedor que apareceu e que está moi
ligado ao uso de animais: as rodas. Comentou que o seu uso apareceu fai
uns 5.500 anos, en introduciuse en Galicia, segundo estudos do equipo
de Fábregas, fai uns 4.000 anos, uns mil anos despois da aparición dos
cultivos de cereais. Sobre este desenvolvemento inicial da agricultura,
expuxo que no inicio dos cultivos das leiras en Galicia permitían
colleitas durante un ano ou dous. En relación a este dato, sinalou que
logo deixaban de ser fértiles ata uns 30 anos máis tarde. Explicou
tamén como a fertilidade dos solos de Galicia cando se empezaron a
cultivar viuse moi diminuída pola erosión o que dou pé aos bancais, que
parece ser que apareceron xa na época dos castros, permitindo un maior
aproveitamento enerxético da superficie cultivable. Sobre esta
revolución agrícola, concluíu que en Galicia abriu un ciclo moi
estable, desde fai uns 4.500 anos ata, máis alá do século
IX.
 
Situou no século IX a aparición duns
convertedores importantes ligados á enerxía hidráulica: o muíño de auga
(maioritariamente de roda horizontal) e a forxa hidráulica (normalmente
de roda vertical), e con menos importancia, aparece tamén o muíño de
vento. Entre os séculos XII e XIII aumentaron as ferrerías hidráulicas
onde a auga ao impactar na roda vertical provocaba movemento nun mazo
que golpeaba o ferro incandescente coas cinzas da madeira para obter
así unha mestura de C e Fe capaz de formar un aceiro resistente. Tamén
sinalou que paralelamente apareceu, con menos importancia, o
aproveitamento do vento mediante muíños de casa fixa como os de Catoira
e tamén asistimos a un desenvolvemento da vela para a navegación que da
paso ás carabelas no século XIV que evolucionan ata os grandes veleiros
do século XVIII. Neste contexto iniciado no século IX e ata o século
XIII, sinalou que se produciron importantes avances na agricultura como
a alternancia de cultivos: millo, centeo e cebada. Outro adianto desta
época que salientou foi o arnés do cabalo, que permite labrar sitios
moi pesados con arados de aceiro obtidos na forxa hidráulica, ao verse
o animal liberado do risco de
afogamento.
 
Comunicou tamén que a pesares
destes avances tecnolóxicos, non é ate o século XIX cando a enerxía da
máquina empeza a camiñar para superar á enerxía somático (do home e dos
animais). Dixo que as maquinas de vapor anteriores ás deste século
tiñan unhas eficiencias que non superaban o 10%. Suliñou que en Galicia
a primeira máquina de vapor púxose en marcha nos estaleiros de Ferrol
para achicar diques. En relación á entrada da máquina de vapor en
Galicia, reflexionou sobre a ferrería de Sargadelos que puido ser o
principio de industrialización, pero en realidade foi o remate do ciclo
da madeira e da auga polo esgotamento da madeira, sen que se dera o
paso nas súas ferrerías ao uso do carbón mineral na máquina de vapor
aplicada á siderurxia. En relación a esta época, indicou tamén que o
ferrocarril apareceu en Galicia en 1873 coa liña Santiago – Carril,
abríndose a continuación á liña a Madrid.

A
continuación entrou nos vectores do século XX, sinalando que a
aparición da luz eléctrica en Galicia foi moi rápida, pois desde o seu
inicio en Pontevedra en 1888, expandiuse a todas as vilas e cidades nos
8 anos seguintes. Sinalou tamén que en 1925 empezou a etapa dos grandes
encoros, coa instalación de 24.000 cabalos na moderna Central que hoxe
é Tambre I. Unha vez situada a importancia da electricidade, abordou o
outro avance no uso da enerxía no inicio do século XX coa introdución
dos motores de combustión interna. Situou a entrada dos coches en
Galicia coa fabricación dos coches Castro que funcionou entre
1902-1904. Expuxo que o uso da electricidade e do coche levou a un
importante aumento no consumo enerxético per cápita. Tamén comentou que
durante o desenvolvemento tecnolóxico a poboación de Galicia pasou do
orde de 300.000 habitantes que se calcula que tiña Galicia no ano 1300
ata os case 3 millóns actuais.

Así que desta
interesante conferencia para a aplicación da unidade 2 de Climantica,
podemos concluír que Galicia se comportou igual que o resto do mundo,
coa maior dispoñibilidade de enerxía aumentou a súa poboación e a súa
vez aumentou tamén o consumo per
cápita.



Comentarios:
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado

Últimas entradas

Mes

Categoría

pinguino
pinguino