O aumento de emisións de dióxido de carbono no momento actual está vencellado á obtención de enerxía, e as necesidades enerxéticas van en aumento, por canto que a poboación mundial está a experimentar un vertixinoso incremento. En 12 anos aumentou en máis de 1.000 millóns de habitantes. As rexións onde o crecemento é máis acelerado son África, Asia e en menor medida América Latina, que se corresponden cos países máis pobres.
No cumio mundial do clima que se clausurou en Nairobi (Kenia) o 17 de novembro do 2006, o Secretario Xeral da ONU recalcou que é urxente un plan para previr as consecuencias do cambio climático sobre todo en áfrica “porque o cambio climático terá consecuencias desproporcionadas para os pobres” facendo a advertencia de que “estámonos achegando a unha situación sen retorno”.
Neste cumio avanzouse na adaptación ao cambio climático, mediante o desenvolvemento dun Fondo de Adaptación acordado hai anos, e que debe de axudar aos países en desenvolvemento a adaptarse ás consecuencias presentes e futuras do cambio climático.
Outra noticia positiva do cumio foi o éxito da proposta de Brasil para prever incentivos positivos co fin de reducir a deforestación nos países en desenvolvemento. Ata agora só se premiaban as actividades de reforestación. A importancia de ter en conta este aspecto ten moito que ver con que a deforestación non só produce importantísimas emisións de CO2 senón que tamén prexudica enormemente ás economías das zonas e a biodiversidade.
Os estados industrializados producen a metade das emisións de dióxido de carbono do planeta; a outra metade prodúcese nos estados en vías de desenvolvemento e nos da extinguida Unión Soviética. A tendencia ao aumento é unha constante en todos os países. A procura dunha xusta igualdade entre os estados, implica unha tendencia maior ao aumento nos países en desenvolvemento.
Palacio da auga de Kioto, símbolo dunha cidade que é un exemplo de harmonía entre o ser humano (a construción) e a natureza (a auga e as árbores).
No 1997, na cidade xaponesa de Kioto os países desenvolvidos comprometéronse a reducir as emisións dos gases causantes do efecto invernadoiro. Non obstante quedarán liberados deste compromiso os estados pobres. A porcentaxe global comprometida polo conxunto dos estados desenvolvidos é de 5,2 % respecto dos niveis medidos no 1990, aínda que a cota particular de redución que corresponde a cada país varía dependendo de canto contaminou no pasado
En Nairobi empezou a abordarse cómo introducir aos países pobres, sen que se freen as súas posibilidades de desenvolvemento económico, toda vez que potencias emerxentes como China e India non se incorporaron á revolución industrial. Estas necesidades de desenvolvemento industrial nos estados máis pobres que comprenden da orde do 80% da poboación mundial, dificulta que se poida acadar o obxectivo de manter constantes os niveis actuais das emisións de dióxido de carbono dentro dos próximos 50 anos, as emisións dos países pobres nin sequera poderían duplicarse, supoñendo sempre que os países industrializados consigan unha importante redución, que estaría na liña do obxectivo comunicado polo Primeiro Ministro británico Tony Blair, de reducir o 60% das emisións, o que levaría a que as emisións de EEUU, que actualmente representan practicamente cinco veces a media mundial, pasarían a representar o dobre no ano 2056.
DEREITO DE EMISIÓN
é o dereito a emitir desde unha instalación unha tonelada de CO2 durante un período determinado.
AUTORIZACIÓN DE EMISIÓNS
Outorgaraos o Goberno cando considere acreditado que o titular é capaz de garantir o seguimento e a notificación das emisións.
Os compromisos de limitar as emisións de dióxido de carbono implica o reto de buscar cambios na obtención de enerxía o que conleva a novas inversións. En Galicia está a empresa con maior nivel de emisións de dióxido de carbono do Estado, a central térmica situada no concello de As Pontes. Esta empresa está acometendo cambios para adaptarse ás taxas asignadas. A superación das emisións asignadas polo goberno a cada empresa, para poder cumprir os compromisos acadados en Kioto, implica que a empresa ten que comprar os dereitos para as cantidades superadas.
Nas centrais térmicas, as chemineas máis altas e delgadas son as que emiten dióxido de carbono.
As estruturas máis grosas e baixas correspondenás torres de refrixeración que expulsan só vapor de auga.
Segundo se constata no informe do IPCC emitido o 2 de febreiro de 2007, a concentración de gases de invernadoiro é a maior dende hai 650.000 anos, un 35% maior que na época preindustrial.
As propostas, tanto do Protocolo de Kioto (1997) como do Cumio de Nairobi (2006), establecen a adopción de medidas cuxa aplicación supón unha diminución do uso dos combustibles fósiles para obter enerxía o que terá, como consecuencia inmediata, o aumento da relevancia da enerxía hidráulica para satisfacer as cada vez maiores demandas enerxéticas.
No Estado, o sector eléctrico pagará toda a factura que supón o recorte do 16% nos dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro aprobados polo Goberno o 24 de novembro do 2006. O obxectivo do Goberno é que as emisións globais de gases de efecto invernadoiro en España non superen, entre o 2008 e o 2012, máis dun 37% as do ano base (1990) establecido en Kioto.
Neste escenario de incremento de temperaturas e diminución de precipitacións cada vez vai ser máis difícil que a enerxía hidráulica poida responder ao papel de protagonista que lle dá este escenario.
Como consecuencia desta evolución, as enerxías alternativas deben desenvolverse e potenciarse nos próximos anos para facer fronte a esta situación. Neste novo contexto climático, a enerxía solar (nas súas diversas formas) veríase claramente beneficiada polo incremento das horas de insolación. Tamén é posible que o cambio climático implique importantes episodios de vento forte, o que lle permitiría gañar relevancia á produción de electricidade de orixe eólica. Non obstante se estas novas fontes enerxéticas non son suficientes para satisfacer as demandas, podería producirse unha nova expansión da enerxía nuclear ou apareceren novas formas de enerxía, como o hidróxeno ou a fusión.
Outro sector socioeconómico que vai sufrir importantes impactos polo cambio climático vai a ser o sector turístico. Nos destinos turísticos xa consolidados, estes efectos van ser máis notorios, sen que os gobernos lle estean a prestar demasiada importancia. Como é ben sabido, España é un bo exemplo disto, pois sendo un destino turístico preferido por millóns de estranxeiros, seguen construíndose xigantescos hoteis a poucos metros do mar e abríndose novas estacións de esquí.
O aumento do nivel do mar fará desaparecer moitas praias e a perda de neve afectará ao turismo do esquí e, en xeral, ao dos deportes de inverno. Ademais os incendios e a degradación dos nosos mares e fondos mariños, ameazan tamén ao turismo rural e de natureza. Esta situación fará que os turistas cambien co tempo a dirección das súas visitas cara a outros lugares. Asé os turistas do norte que viñan á Península poden acabar quedando nos seus países e os turistas peninsulares poden acabar buscando destinos no norte.
Nas últimas décadas o sector dos seguros está a encarecer os seus produtos baseándose nas previsións dos efectos do cambio climático. Isto relaciónano co feito de que as indemnizacións por riscos climáticos teñen unha tendencia ascendente por aumento de inundacións, tormentas, xeadas, secas, etc.
A raíz do aumento da poboación, a tendencia desta a situarse en grandes urbes, en especial nas zonas pouco desenvolvidas, como é o caso de México ou Río de Janeiro, xunto co aumento das olas de calor máis intensas e con máis duración nos próximos anos, cabe esperar un aumento nas enfermidades ligadas a estas circunstancias.
Tamén se dá unha extensión xeográfica dos organismos patóxenos en climas menos cálidos e secos expandíndose así esas infeccións a novas zonas xeográficas como é caso do mosquito que produce a malaria.
Un informe dun prestixioso economista británico, Nicholas Stern, publicado no ano 2006 conclúe que o custe do cambio climático pode superar ao da Segunda Guerra Mundial e levar ao planeta de aquí aos próximos 50 anos a unha crise económica similar á vivida no “crac” de 1929 coa Gran Depresión. En concreto o estudo alerta de que o cambio climático pode custar á economía mundial, se non se actúa de inmediato, ata un 20% do Produto Interior Bruto (PIB) se a temperatura global chega a aumentar 5º C. Se o aumento fora a metade, da orde 2 ou 3 graos, o déficit anual representaría da orde do 5%.
Neste informe insístese noutros aspectos entre os que destaca o feito de que as víctimas do quentamento global serán principalmente de países pobres e que probablemente haberá 200 millóns de refuxiados climáticos, ben porque as novas condicións arruinarán o seu modo de vida, fundamentalmente agrícola, ben pola ocupación de terras a causa do aumento do nivel do mar, ademais do correspondente incremento de fenómenos meteorolóxicos extremos como secas, furacáns, inundacións e olas de calor.
Sir Nicholas Stern (nado en 1946) é un economista e académico británico que ocupou o posto de vicepresidente do Banco Mundial dende o 2000 ata o 2003. Actualmente traballa como asesor económico do goberno do Reino Unido e é o autor do denominado Informe Stern sobre os impactos do cambio climático e o quentamento global na economía. Este informe, publicado en outubro do 2006 é o primeiro que un goberno encarga a un economista e non a un experto en climatoloxía.
Por último corroboraron que países do norte poderían ter unha fase máis benévola ao conseguiren temperaturas máis benignas, o que suporá unha maior produtividade dos cultivos e un aumento do turismo.