O efecto invernadoiro foi transformado polo home nunha ameaza á súa seguridade. Os máis afectados serán os máis pobres, os pobos máis marxinados dende o punto de vista económico e que soportan máis directamente o impacto da degradación ambiental.
Neste sentido, estamos asistindo a un aumento da intensidade de furacáns e ciclóns nas zonas tropicais, afectando a maioría das veces a estados pobres e incrementando as súas consecuencias o grao de pobreza.
Outra consecuencia que castiga dun xeito especial a estas zonas que xa de por si son víctimas da inxustiza social e económica, é o aumento das secas nos lugares onde diminúan as choivas ou de inundacións naqueles outros onde aumente a choiva provocando inundacións.
Unha atmosfera máis quente podería provocar que o xeo preto dos polos se derreta. A cantidade de auga líquida resultante deste proceso podería elevar o nivel do mar, tal e como xa se comentou. Un aumento de só 60 cm podería inundar as terras fértiles de Bangladesh, na India, das cales dependen centos de miles de persoas para obter alimentos.
Ultimamente estase a estudar se a corrente de El Niño pode deberse ao incremento do quentamento global pola acción humana, desequilibrando o estado climático do planeta, o que fai que en algúns lugares chova ata inundalos e noutros sufran unha seca total. Tamén se poden citar os cambios abruptos de temperatura e de presión atmosférica que traen como consecuencia a formación de tornados e tifóns.
Estas consecuencias da actividade humana sobre o efecto invernadoiro e, por tanto, sobre o clima, xa empezaron a preocupar nos anos setenta. Así, no ano 1979, celebrouse a Primeira Conferencia Mundial do Clima na que se recoñeceu o cambio climático como un problema importante.
No 1988 as Nacións Unidas estableceron o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) para avaliar o estado do coñecemento sobre o sistema climático global, o cambio climático, e os seus impactos ambientais económicos e sociais e as posibles estratexias de resposta internacional a estes problemas globais
A representación das medias móbiles das temperaturas medias das últimas décadas amósanos unha clara e incuestionable tendencia ao incremento da temperatura. Este quentamento global estase a manifestar en consecuencias evidentes para nós e para a vida na Terra.
O informe emitido polo IPCC o 2 de febreiro de 2007 deixa a constancia de que o quentamento é inequívoco, continuará en forma máis extrema, e o ser humano é o responsable. A temperatura media global do planeta subirá entre 1,4 e 4ºC nos próximos 100 anos, cando o aumento ao longo do século XX foi de 0, 75ºC.
Non obstante cando se estudan os cambios climáticos a nivel local, aumenta o grao de incertidume, podendo darse tendencias ao descenso en determinadas localizacións, dentro desta evidente tendencia ao aumento da temperatura global. Pero sempre estes efectos globais inciden no equilibrio dos ecosistemas próximos a nós e na vida social e económica, tal e como imos estudar.
Os ecosistemas terrestres son moi variados e a práctica totalidade están condicionados pola acción humana. Só na Península Ibérica existe unha enorme variedade. Entre todo este conxunto, poden facerse dous grandes grupos, os da rexión Atlántica e os da rexión Mediterránea. Esta variedade é máis doada de describir en Portugal, polo predominio do eixo norte – sur na súa xeografía. Sobre un suposto trazado lineal pode establecerse o seguinte modelo a modo de traxecto norte – sur:
-
Ecosistemas de zonas húmidas: prados con sebes.
-
Ecosistemas do Miño onde se pode ver mestura de viñedos con campos de cultivo de millo.
-
Bancais do viño do Sil e do Douro, típico de Porto
-
Ecosistemas de dehesa.
-
Paisaxes como moi áridas, erosionados e os cultivos situados en invernadoiros.
Aínda que os efectos son diferentes para os ecosistemas da rexión Atlántica, limitados pola temperatura, que para os da rexión Mediterránea, limitados pola auga; vai haber unha tendencia a que as especies máis invasoras se despracen cara ás latitudes e altitudes cada vez maiores.
A vexetación mediterránea tende a desprazarse en altitude, e na zona mediterránea hai unha tendencia á desertización do sur por secas máis frecuentes e severas e maiores riscos de incendios. Estes procesos de desertización afectan gravemente a un tercio da superficie española, sobre todo no sur e no levante peninsular. Nestas rexións vai cambiando progresivamente o clima Mediterráneo (precipitacións superiores a 400 mm e estacionalidade) cara a un clima árido (precipitacións menores de 400 mm).
Neste clima do surleste peninsular, cada vez menos mediterráneo e máis árido, aumentan os procesos de salinización por evaporación da auga do solo saturada en sales minerais en períodos de secas severas formando costras salinas, sobre todo de xeso, que deterioran o solo en moitas zonas con vexetación mediterránea. Tamén pode producirse a introducción de auga mariña por baixada do nivel freático das augas subterráneas, como está a ocorrer cos cultivos de invernadoiros da provincia de Almería.
A salinización dos solos é probablemente o proceso de degradación máis importante nos países de clima árido e semiárido. Estes procesos relaciónanse co exceso de regas en climas secos, con solos de textura fina e coa utilización de auga con exceso de sales para o rego e coas intrusións mariñas.
Nestas zonas do sur hai unhas diminucións na diversidade de flora que leva tamén asociada a diminución na fauna asociada. Esta diminución ten que ver con que as especies menos resistentes ao estrés hídrico desaparezan.
Os efectos do cambio climático sobre a vexetación, a parte de aumentar o seu estrés hídrico, repercuten tamén nas épocas de foliación, floración e fructificación e no retardo da caída da folla nos caducifolios. As plantas están florecendo por término medio 10 días antes que hai 30 anos. Paralelamente, os ciclos vitais dos insectos tamén se ven afectados polo aceleramento larvario, o que os pon en perigo diante das xeadas, supoñendo tamén un perigo para animais que dependen deles para a súa nutrición.
A tendencia cara ao clima mediterráneo que se está a constatar en Galicia vai posibilitar que as especies propias deste clima atopen aquí as condicións ás que están adaptadas e que van perdendo nas súas áreas de distribución actuais. Por iso, de manterse a tendencia actual, a práctica totalidade de Galicia, excepto o norte da provincia de Lugo, pasará a ter os ecosistemas típicos das rexións de clima mediterráneo, e as paisaxes da maioría de Galicia pareceranse ás que na actualidade presenta a rexión do Douro en Portugal
Nos diferentes grandes tipos de ecosistemas que se describiron no traxecto norte-sur teñen unha especial relevancia as superficies forestais nas que destacan bosques e matos diversos. O papel destes ecosistemas situados moitas veces en ladeiras e nas zonas máis difíciles de cultivar representan, aparte das utilidades económicas, importantes beneficios ecolóxicos entre os que destacan a protección fronte á erosión, o control e regulación do ciclo hídrolóxico, a contribución á conservación da biodiversidade e o uso recreativo.
Como xa se veu anteriormente os bosques xoga un papel importante no ciclo do carbono, en estados xuvenís, pero estas árbores novas son máis sensibles ao estrés ambiental, o que provoca unha certa regresión das mesmas. Isto dificulta aínda máis a recuperación de bosques en áreas con problemas de erosión por falta de cuberta vexetal.
A participación das pragas dos insectos favorecidas polo cambio climático pode chegar a ser moi relevante neste proceso de fragmentación das áreas forestais e conseguinte evolución dos ecosistemas evidenciados nas paisaxes resultantes. Isto é así porque o incremento das temperaturas e o conseguinte alongamento das condicións óptimas para o desenvolvemento das pragas e enfermidades, teñen como consecuencia un maior e máis duradeiro impacto sobre a vexetación da que se alimentan. Un exemplo moi coñecido é o da procesionaria do pino (Thaumetopoea pityocampa) que incrementa a área susceptible de ser colonizada, ao poder subir en altitude nos invernos, cada vez máis benignos, e colonizar de forma natural, aparecendo afectados pinais de pino silvestre (Pinus sylvestris) ata agora libres
de impacto.
As procesionarias son unhas bolboretas nocturnas que reciben este nome porque cando saen dos niños nos que depositan os ovos nos extremos das ramas dos pinos, desprázanse en filas que semellan procesións. Esta ligazón do seu ciclo biolóxico cos piñeiros está a ser unha praga para eles, sobre todo a nivel do mar.
Sen embargo o cambio climático está a facilitar a invasión cara piñeirais cada vez máis altos, empezando a ser unha ameaza para os piñeiros de alta montaña (Pynus silvestris)
No grupo das bolboretas hai constancia de adianto dos ciclos biolóxicos coincidindo co aumento da temperatura global. Estase a constatar o adianto na eclosión das eirugas de determinadas especies que coinciden coa tendencia do aumento da temperatura global. Tamén se adiantan brotes foliares e florais de especies vexetais que dan lugar a desaxustes nas relacións tróficas das especies que dependen destas eclosións.
Entre os estudos destas perdas de sincronía destacan polo seu rigor os da bolboreta nocturna Operophtera brumataque se alimenta das xemas dos carballos, que tamén están a experimentar adianto nos brotes. A súa vez isto está a repercutir na alimentación dos polos das ferreiriños (Parus major).
Na actualidade as xemas do carballo brotan con 10 días de adianto con respecto a 1985 pero as larvas saen dos ovos con 15 días de adianto, o que provoca a diminución do número de individuos desta bolboreta por falta de alimento. Como os ferreiriños teñen estas larvas na base da súa dieta, constatouse que nos últimos anos tiveron que cambiar hábitos alimentarios. Deseaxustes deste tipo poden cambiar as relacións tróficas nos ecosistemas afectando a súa dinámica e evolución.
O cambio climático tamén favorece a chegada de importantes desfolladores de climas máis quentes que polas condicións de cambio climático se ven favorecidas para adaptarse e estenderse. E o efecto destes insectos poden producir importantes fracturas na estabilidade e continuidade dos ecosistemas.
A periodicidade e virulencia de distintos fenómenos naturais pode verse incrementada debido ao cambio climático. é o caso dos incendios forestais, as crecidas dos ríos, e os deslizamentos e escorregamento de terras.
-
INCENDIOS
Os bosques constitúen un dos principais sumidoiros de CO 2 e xogan un papel fundamental na mitigación dos efectos do cambio climático xa que grazas á función de almacén que desempeñan, axudan a reducir o quentamento do planeta. Non obstante as tallas indiscriminadas e os incendios aos que están expostos, anulan os efectos beneficiosos que as masas forestais teñen para a vida do planeta.
A man do home está detrás da maior parte dos incendios forestais, pero a súa frecuencia pode verse alterada, ademais, polo efecto do cambio climático, sendo as consecuencias principais o aumento das temperaturas e a intensificación dos ventos. Estas variacións, xuntamente coas secas, fan que os bosques sexan máis vulnerables ao lume. Os efectos beneficiosos dos bosques tórnanse en prexudiciais cando se produce a combustión dos mesmos, xa que neste proceso o carbono fixado libérase á atmosfera favorecendo o efecto invernadoiro e, polo tanto, o quentamento global da Terra.
As consecuencias dos incendios repercuten na calidade do solo, sendo o principal responsable na erosión das terras do noso país. A desaparición da vexetación e a degradación dos solos queimados constitúen o primeiro paso para a actuación dos procesos erosivos debidos á acción das augas de escorrentía. A maior concentración das choivas, como prevén os expertos, favorecen a erosión e, por conseguinte, a perda dos solos forestais e agrícolas.
Os solos afectados por un incendio forestal amosan unha imaxe desoladora. Ademais do impacto visual desta paisaxe carbonizada, son zonas expostas á erosión xa que as raíces das árbores resultan ineficaces na súa labor de suxeición do solo. Son principalmente as augas de escorrentía en períodos de choivas intensas, as que provocan a movilización do substrato e o transportan ladeira abaixo.
As cinsas que quedan nos montes queimados, xunto co solo erosionado, son posteriormente arrastrados pola auga cara ás rías, onde se depositan. Os bancos marisqueiros das Rías Baixas galegas son os principais afectados por estes depósitos de cinsas e lodo erosionado xa que as especies mariñas quedan soterradas e morren por asfixia, ocasionando importantes perdas no sector.
A nosa comunidade dende sempre foi unha das grandes damnificadas polos incendios. Os datos reflicten que entre os anos 1970 e 1990 a superficie queimada en Galicia representaba a cuarta parte das áreas incendiadas en toda España. Os concellos de maior risco de lumes, distribúense pola metade meridional de Galicia e son zonas ademáis onde as previsións futuras referidas ao cambio climático delatan un incremento nas temperaturas de ata 5 ºC na época estival, factor que pode elevar o risco de lumes nestas localidades.
-
CRECIDAS FLUVIAIS
A orixe das inundacións témola que buscar principalmente na atmosfera, xa que son as choivas intensas as que as provocan. O cambio climático pode acentuar os fenómenos meteorolóxicos extremos que supoñan un aumento dos períodos de choivas fortes en áreas non preparadas para acoller tanta cantidade de auga. Ben é certo que as inundacións nas zonas atravesadas polos ríos son procesos que entran dentro da dinámica do sistema fluvial. Dende tempos antigos, os desbordamentos anuais do Nilo aportan abundantes lodos deixando un manto de terras fértiles nas súas beiras que son aproveitadas, cando descende o nivel das augas, para diferentes cultivos.
Con todo son moitos os países onde as inundacións causan importantes danos. As marxes dos cauces fluviais, do mesmo xeito que as chairas de inundación, son lugares moi apreciados para o asentamento das poboacións humanas, pero constitúen zonas de alto risco cando se producen choivas intensas. En moitos dos casos, a capacidade dos solos para a infiltración e o almacenamento da auga inflúen no desenvolvemento e na virulencia das inundacións. Os solos menos afectados serán aqueles que presenten unha alta capacidade de infiltración e unha boa circulación baixo terra da auga.
A deforestación mediante tallas indiscriminadas de árbores ou a queima dos montes fan que os procesos de escorrentía superficial das augas sexa importante, e que as correntes transporten unha grande cantidade de sedimentos que chegan a depositar en lugares perigosos. Estes sedimentos poden actuar como presas naturais taponando os cauces por onde decorren os ríos favorecendo o desbordamento dos mesmos multiplicando así os efectos devastadores das crecidas.
As choivas torrenciais nun solo afectado por un incendio forestal, poden provocar o desencadeamento de enxurradas que decorren pendente abaixo do monte, excavando cárcavas de erosión como a da fotografía, localizada en Quiroga (Lugo).
-
INESTABILIDADE DE LADEIRAS
Aínda que a acción antrópica é unha das principais causas da inestabilidade das ladeiras, polo cambio de usos do solo nas mesmas, a variación do clima é un factor a ter en conta á hora de avaliar a susceptibilidade dunha zona para ser erosionada. Estas variacións implican cambios nas precipitacións (intensidade e duración) e o aumento das temperaturas. A acción do home pode agravar os problemas de inestabilidade por medio de tallas do monte, alteración dos cauces naturais por onde decorren as augas, e máis os desmontes na construción de vías de comunicación; actuacións que en moitos casos causan roturas e deslizamentos de terra.
O desencadenante fundamental dos movementos nas ladeiras son as choivas, xa que estas poden producir a inestabilidade do solo ao infiltrarse e aumentar a presión dentro do mesmo. Cando esta presión acada valores máximos desencadénase a rotura da ladeira, dando comezo ao deslizamento. Nas zonas alpinas onde as neves cobren o territorio, o risco de aludes está ligado ao aumento das temperaturas, que favorece tanto a fusión da neve acumulada como a do solo xeado (permafrost) por debaixo dela.
En Galicia as zonas máis susceptibles de sufrir riscos de deslizamentos de rochas son as ladeiras das montañas das provincias de Lugo e Ourense, onde o substrato está constituído principalmente por lousas e xistos.
Os estudos indican que as zonas máis vulnerables de sufrir riscos por futuros deslizamentos relacionados co cambio climático, se atopan na Cordilleira Cantábrica e na conca norte do río Douro, debido a un aumento das precipitacións invernais. Pola contra nas zonas do Mediterráneo, onde as choivas serán máis irregulares, os procesos de ladeira quedarán restrinxidos aos períodos de máis humidade. Nas zonas costeiras a subida do nivel do mar e a frecuencia dos temporais mariños terán consecuencias sobre a erosión dos cantís que pode chegar a provocar desprendementos e deslizamentos, sobre todo, nas paredes dos cantís rochosos.
O progresivo aumento das temperaturas nas zonas altas de cordilleiras como os Pirineos, Cantábrica e as Béticas desprazará o risco de aludes e desprendementos a cotas cada vez máis elevadas, pola retirada dos mantos xeados e da acumulación de neve cara ás áreas de maior altitude.
-
EFECTOS SOBRE AS AUGAS CONTINENTAIS: RECURSOS HÍDRICOS
A auga é un recurso de primeira necesidade e esencial para a vida do planeta. As rexións áridas e semiáridas do globo, onde a dispoñibilidade de auga é de por si limitada, serán as zonas máis afectadas polo cambio climático. No outro extremo sitúanse as rexións húmidas que se terán que enfrontar a variacións importantes no réxime de choivas, adaptándose aos eventuais períodos de secas e aos impactos catastróficos das inundacións que se prevén sexan máis frecuentes. O nivel das reservas dos acuíferos e encoros poden diminuír debido ás secas, agravándose co descenso do caudal dos ríos, o que favorecería un estancamento das augas e unha degradación na calidade das mesmas. Estes procesos de estancamento poden dexenerar, en rexións onde a renovación da auga se atopa moi limitada, nun foco de infeccións potencial e no medio de transmisións de enfermidades.
Cando analizamos os recursos temos que ter en conta o aumento da demanda debido ao imparable crecemento da poboación mundial. Nestes termos, faise necesaria a adopción de iniciativas de xestión de usos eficaces e eficientes dos recursos hídricos, así como de mellorar as políticas de agricultura e as de planificación e xestión do uso do solo urbano.
En España calcúlase que con aumentos de temperatura de 2.5 ºC e diminucións das precipitacións dun 8% os recursos hídricos poden chegar a reducirse nun 17%. Estas variacións serán máis acusadas na concas fluviais das illas, nas do sur (Guadiana e Guadalquivir) e nas do Levante (Xúcar e Segura).
Con todos estes impactos do cambio climático sobre o medio terrestre, as áreas actualmente ocupadas por bosques poden cambiar a áreas de mato, estando estas últimas expostas a importantes impactos erosivos cos conseguintes riscos de desertificación.