A idea de cambio climático non sempre se manexa co suficiente rigor, o que pode levarnos a confundir cambios bruscos no estado do tempo atmosférico con cambios climáticos. O cambio climático xa non é algo que só se lea nos libros científicos ou nas publicacións especializadas. O debate trasladouse á rúa, e agora, ademais de falar do tempo atmosférico, é doado que tomando o café no bar da esquina, escoitemos ao compañeiro da mesa do lado comentar os novos datos que corroboran un cambio climático.
Pero, sabemos realmente do que falamos ou só repetimos o que escoitamos? Sen dúbida
aceptamos a información que nos chega por diversas canles sen reflexionar moi a fondo
sobre a veracidade das mesmas, de aí a proliferación de erros.
Abonda con escoitar os programas de noticias da radio ou da televisión, para darnos conta de que utilizamos mal moitos termos. O caso do clima e o tempo atmosférico é un bo exemplo. Estamos afeitos a escoitar frases como que “debido ás adversas condicións climáticas non se puido celebrar tal o partido de futbol”. O tempo meteorolóxico refírese ao estado da atmosfera nun intre determinado ["hoxe chove sen parar"], namentres que o clima é a suma de todos os estados do tempo que se sucederon nunha rexión durante un período máis ou menos amplo.
Sen afastarnos dos medios de comunicación, vemos como as noticias relacionadas co clima se tratan cun discurso alarmista ou catastrofista. Calquera fenómeno meteorolóxico como nevadas intensas, choivas fortes ou ondas de calor insoportable, son achacadas con rapidez a un cambio climático debido á man do home. Pero non debemos esquecer que hai causas naturais que están a influír nas variacións do clima.
A maior parte dos científicos están de acordo en que nos últimos tempos a temperatura global do noso planeta estase a elevar. Se ben se poden discutir as porcentaxes de culpabilidade que temos nós neste proceso, a comunidade científica non ten dúbidas do aumento. Deste xeito teremos que cambiar moitas das actuacións que dende lonxe veñen sendo daniñas e buscar novas vías de desenvolvemento sostible para a vida no planeta.
Cos datos que nos aportaron os científicos e os técnicos sobre o clima do século XX, confírmase que a temperatura global do noso planeta aumentou, ao igual que se constata un aumento da frecuencia de certos fenómenos climáticos extremos e estraños como secas en inverno, furacáns, o retroceso dos glaciares e a subida do nivel do mar.
Os datos que evidencian con máis claridade o cambio climático obtéñense das estacións meterorolóxicas.
A temperatura media da superficie terrestre subiu máis de 0,6 ºC durante os últimos anos do século XX. En España subiu 1,5º, máis de 3 veces a media mundial, confirmando as previsións segundo as cales a Península sería a parte máis afectada da Unión Europea polo cambio climático.
Estes datos de temperaturas medias confirman unha tendencia ao aumento da temperatura media na Terra. Estas variacións asociadas a cambios climáticos producíronse dende que a Terra se consolidou como tal planeta. As causas son varias e seguen funcionando actualmente, aínda que na actualidade o home coa súa actividade crese que está incidindo neste proceso.
Ademais destes datos de aumentos de temperaturas medias, hai outras probas que evidencian un cambio climático.
As evidencias do quentamento da Terra e doutros cambios no sistema climático son agora máis claras e contundentes ao constatarse que as dúas últimas décadas foron as máis cálidas do último milenio. Ao longo do século XX, ademais do aumento da temperatura, constatouse a diminución da superficie xeada do Ártico nun 15% en 50 anos. Tamén o nivel do mar subiu 15 cm neste século pasado, producíronse cambios no réxime de precipitacións nalgunhas rexións e aumentou a frecuencia e a intensidade de algúns fenómenos como os que dan lugar a intensos e frecuentes furacáns.
O nivel do mar aumentou por termo medio entre 10 e 30 cm durante o século XX, rexistrándose na costa española, a nivel de Cantabria, medidas que chegaron a ser de 3,5 mm ao ano. En Galicia temos datos de A Coruña e de Vigo, que constatan un aumento algo inferior, con valores comprendidos entre 2-3 mm/ano durante a segunda metade do século XX.
O adianto da primavera biolóxica e o atraso da chegada do inverno, de tal xeito que o período de floración de moitas especies adiantouse 5 días por década nos últimos 50 anos, e nas montañas a vexetación mediterránea parece desprazarse cara a altitudes maiores.
Tamén están constatadas secas máis frecuentes e severas que supoñen maiores riscos de incendios. Para buscar unha relación do aumento de temperatura co aumento de seca, fixéronse probas dese quentamento e desa seca que constataron que unhas especies están máis afectadas ca outras. Constatouse a coincidencia entre estas especies máis afectadas nos experimentos coas que están en regresión nos ecosistemas actuais. Estas condicións máis cálidas e máis áridas, xunto con outros fenómenos relacionados co Cambio Global como o aumento de vexetación arbórea e arbustiva relacionado co abandono das terras de cultivo, en asociación coa forte seca estival, fan que os ecosistemas de Galicia sexan máis propensos aos incendios.
Tamén os restos de vexetais que viviron noutras épocas evidencian o cambio climático. Os vexetais e máis concretamente os troncos das árbores centenarias e follas recollidas en herbarios amosan a existencia de cambios atmosféricos e climáticos. Nas árbores con períodos de crecemento vexetativo, cada anel é resultado do crecemento ao longo dun ano. O grosor dos aneis e as condicións hídricas ambientais están relacionados, así un anel formado nunha época de seca ten un grosor menor ca outro que se formou en anos de abundantes precipitacións.
Por outra banda o número de estomas por unidade de superficie (densidade estomática) diminúe coa adaptación ás condicións cálidas e áridas, para evitar o exceso de evapotranspiración. Ao haber menos estomas por unidade de superficie a planta perde menos auga por transpiración e afronta con máis eficacia a seca. Estudando as variacións na densidade estomática das mesmas especies recollidas en herbarios dos últimos séculos, atopouse que o número de estomas por unidade de superficie nas especies estudadas, reduciuse nun 21%. O cambio climático aumenta o estrés hídrico da nosa vexetación, provocando a regresión daquelas especies que xa viven ao límite das súas posibilidades.
Tamén existen evidencias no rexistro xeolóxico de cambios drásticos no clima que se relacionan cos datos anteriores. Destacan pola súa proximidade as do Cuaternario que abarca os últimos 2 millóns de anos da historia do noso planeta. Neste período sucedéronse etapas de climas moi fríos, denominadas glaciacións, e etapas onde o clima era máis benigno, os períodos interglaciares. Nas épocas frías os xeos cubrían unha porcentaxe moi elevada da superficie terrestre e os seus rastros podemos atopalos agora estudando a paisaxe. Aínda que en Galicia non existen glaciares na actualidade, atopamos rastros no relevo que evidencian que noutros tempos sí existiron, relacionados con un clima máis frío. Un bo exemplo disto témolo nas montañas galegas que conforman as Serras de Ancares, O Caurel, o Macizo de Manzaneda, recoñécense formas debidas á erosión glaciar -circos, vales, rochas aborregadas- ou a depósitos dos mesmos (moreas).
Glaciar Bertrán (Campo de Xeo Patagónico Sur, Argentina). Os icebergs como o da fotografía son blocos de xeo, desprendidos do frente dos glaciares, que flotan nas augas. O quentamento global favorece a aparición destos icebergs nos océanos co conseguinte perigo para a navegación. Ao estar composto casi exclusivamente por auga, o noso ollo pode apreciar a cor azul reflectido polo xeo. |
|
As rochas aborregadas son o resultado da acción erosiva do xeo glaciar no seu proceso de avance. Estas rochas presentan unha parte pulida pola abrasión do xeo ao desplazarse sobre elas, mentras que na fronte as formas son máis irregulares debido ao arranque de fragmentos de rochas. En áreas onde os glaciares desapareceron, pódese deducir o sentido de desplazamento. En Galicia podemos atopar exemplos nas montañas de Lugo e Ourense. |
|
Frente do glaciar Upsala (Patagonia, Argentina). O quentamento global provoca unha aceleración na fusión dos xeos, facendo retroceder o frente do glaciar e diminuíndo ademais o espesor da lingua de xeo. As moreas laterais, agora expostas á erosión, constituen unha evidencia do nivel mínimo acadado polo xeo nunha época non moi lonxana. |
|
O glaciarismo induce cambios no nivel do mar que se traducen no que coñecemos como transgresións e regresións mariñas. Durante os períodos fríos o nivel do mar descende, provocando unha regresión debido a que un maior volume de auga vaise concentrar nos glaciares transformada en xeo.
A aparición de praias fósiles ou levantadas, como as localizadas en Area Longa e Cabo Silleiro, constatan un nivel do mar máis alto có actual. A este ascenso do nivel do mar sobre o continente denomínase transgresión mariña e pon de manifesto un periódo de clima cálido.
Os sedimentos, agora convertidos en potentes estratos de areíscas, de antigos deltas xurásicos, conforman os cantís dun extenso tramo da costa do concello de Villaviciosa en Asturias. A franxa do litoral cantábrico, entre Xixón e Ribadesella, alberga o máis completo xacemento de pegadas e restos óseos de dinosauros e outros réptiles do Xurásico, máis importante de España.
Unha consecuencia destes fenómenos de oscilación do nivel do mar ademais de facer avanzar ou retroceder a liña de costa, fai que os ríos entren nunha dinámica de erosión/sedimentación provocando distintos niveis de aterrazamento. Cómpre salientar que no perfil dun río as terrazas que se atopan máis altas son máis antigas cás localizadas en niveis inferiores.
|
1) Houbo un importante descenso do nivel do mar, posiblemente por unha glaciación (regresión). Isto provocou que o río tivera que desembocar en cotas máis baixas erosionando o terreo máis antigo (marrón escuro).
2) Posteriormente o nivel do mar volveu a subir, posiblemente por desxeo (transgresión). Isto obrigou ao río a desembocar en cotas máis altas cargándose máis o nivel de auga o que freou a corrente e favoreu a sedimentación dos materiais marrón claro, que se van a erosionar ao iniciarse un novo descenso progresivo do nivel do mar.
3) Un descenso brusco do nivel do mar (regresión), posiblemente debida a unha nova glaciación, provocou unha forte erosión ao experimentar un importante descenso a cota da desembocadura. Esta nova etapa erosiva afectou ás dúas capas de materiais representadas na figura superior, formándose as dúas terrazas en ambos lados do cauce con materiais diferentes, os máis antigos na superior e os máis recentes na inferior
4) Prodúcese un novo ascenso (transgresión) do nivel do mar, posiblemente por desxeo que subíu a cota da desembocadura o que provocou o depósito dos sedimentos máis claros e recentes. Estes empézanse a erosionar co inicio dun novo descenso que vai a dar lugar a novas terrazas. Estas últimas serán, polo tanto, máis recentes que as situadas nos niveles superiores. |
Unha forma de datar, é dicir, de aproximarnos á idade destas praias fósiles e das terrazas fluviais, é mediante os estudos do pole fósil, permitindo ademais reconstruír a vexetación que existía na zona.
Outros indicadores paleoclimáticos son os restos fosilizados de especies vexetais que se desenvolveron nun clima moi diferente ao actual. No xacemento das Gándaras de Budiño en Porriño (Pontevedra) apareceron troncos fósiles de palmeiras que indican a existencia dun clima tropical na zona.
|
A recuperación de restos fosilizados de palmeiras (Nipadites burtinii) na conca terciaria de Budiño (Pontevedra) así como a aparición de solos vermellos, son indicadores dun clima tropical na zona naqueles tempos. Os fósiles tanto de animais como vexetais, xunto co estudo dos sedimentos e rochas que os conteñen, permíten a reconstrución da paisaxe da época.
|