O océano tamén se quenta, aproximadamente 0,04º C por cada década. Esta é unha tendencia xeral, pero a nivel local estas tendencias son máis variables. Así na provincia de A Coruña a tendencia é menos acentuada que no Cantábrico.
Como consecuencia dese quentamento prodúcese o desxeo progresivo dos polos coa conseguinte subida do nivel do mar. Os rexistros históricos indican que o nivel do mar subiu entre 1 e 2 mm/ano durante o século XX. Á súa vez este ascenso é diferente nas distintas localidades costeiras. Nas nosas costas o aumento deste valor, foi de entre 2 e 3 mm/ano durante a segunda metade do século XX, o que supón que subiu no último século entre 10 e 20 cm, e para o ano 2100 considérase que pode ter unha subida adicional de 9 a 88 cm. Pero este aumento do nivel do mar non só se pode atribuír ao desxeo, senón que tamén inflúe a dilatación da auga polo quentamento.
Aínda que se constata unha tendencia ao aumento da temperatura global do océano en determinadas zonas están a terse evidencias de diminucións de temperatura. Así nas augas do Atlántico Norte, en pleno aumento da temperatura global, constatouse un arrefriamento importante entre 1885 e 1999, acompañado dunha diminución da salinidade.
Estes datos poden interpretarse polo ingreso de auga doce procedente da desconxelación do xeo de Groenlandia no Atlántico Norte. Con esta introducción de auga doce procedente desta desconxelación, a capa de auga superficial faise menos salgada e por tanto menos densa. Como consecuencia, a auga da corrente quente superficial cargada de sales minerais, que se afunde ao arrefiarse nesa zona, atópase con dificultades para introducirse cara ao fondo, pois a súa densidade diminúe polos aportes á zona de auga doce procedente do xeo. Ao dificultarse este afundimento da corrente superficial cálida para transformarse en fría, poden verse afectadas as condicións climáticas que teñen unha regulación térmica dependente destas correntes de circulación no Atlántico.
O precedente máis inmediato sobre efectos drásticos por interferencias nesta corrente, atopámolos ao final da última glaciación, cando os grandes mantos de xeo empezaron a retirarse cara ás actuais rexións polares. Coincidindo co aumento da temperatura global da Terra que provocou o final da glaciación, hai uns 10.800 anos, produciuse un brusco e inesperado cambio do clima en Europa, orixinando unha diminución brusca da temperatura. Parece que este se debeu a aportes de auga do desxeo postglaciar no Atlántico Norte, procedente na súa maioría do desxeo do desaparecido lago xigantesco Agassiz.
Aínda que estes efectos non se cheguen a producir na actualidade, do que non cabe dúbida é da chegada de máis cantidade de auga doce ata o Atlántico Norte o que modificará a corrente do Golfo e a circulación profunda do océano.
O aumento do quentamento global ten outras consecuencias derivadas do aumento da temperatura global nos ecosistemas mariños. Entre eles destacan o branqueamento dos corais e a migración de especies.
O branqueamento dos corais é un fenómeno que pode danar moi seriamente ou chegar a destruír colonias enteiras de arrecifes de coral. Este proceso está relacionado co feito de que os corais conteñen algas microscópicas chamadas zooxantelas que aportan alimento aos corais e contribúen ao seu vivo colorido. O aumento da temperatura nos océanos fai aumentar o estrés nos corais, expulsando as zooxantelas o que provoca a perda da súa cor ou “branqueado”. Se non se restaura a capa de zooxantelas, o coral morre.
Un aumento da temperatura de só 1º C por riba da temperatura máxima do verán nas zonas pouco profundas onde están os corais pode facer que estes branqueen. Este é o aumento da temperatura media nas augas tropicais nos últimos 100 anos, onde están os arrecifes máis longos do mundo. Un bo exemplo destes é a Gran Barreira de Australia duns 2.000 km de lonxitude. Este en 2002 experimentou o peor caso de branqueamento de todos os tempos, véndose afectado máis do 60% de todo o arrecife.
Moitos organismos acuáticos responden a estes aumentos da temperatura da auga resultantes do cambio climático buscando augas coas temperaturas ás que están adaptadas. Coñécense moitos desprazamentos térmicos en diferentes especies.
As migracións térmicas deste tipo máis sorprendentes son aquelas que afectan a especies que viven fixas ao substrato como é o caso do grupo de algas marróns grandes con formas dixitais como a Sacchorrhiza polyschides que se fixa as rochas nas zonas batidas na baixa mar por un forte disco.
Outro impacto do cambio climático no medio mariño ten que ver co dióxido de carbono disolto na auga do mar que vai provocar fenómenos de acidificación.
Como se indicou no apartado relativo ao ciclo do carbono, o medio mariño é moi eficaz secuestrando carbono nas estruturas xeolóxicas xa que o fitoplancto retira dióxido de carbono na fotosíntese, que vai pasando ao longo da cadea trófica acabando nos sedimentos de cunchas incorporados nas rochas sedimentarias e nas cadeas de carbono fósiles do petróleo procedente de organismos do fitoplancto.
Non obstante nestes intres os océanos son un depósito enorme de dióxido de carbono producido pola actividade humana. Estímase que nos últimos 200 anos os océanos absorberon practicamente a metade do CO2 emitido á atmosfera pola actividade do home.
Grazas a esta absorción os océanos axudaron a neutralizar os efectos do cambio climático. Sen embargo aos mecanismos de secuestro expostos, non dan incorporado ese dióxido de carbono extraído polo home do secuestro no interior da Terra e liberado á atmosfera a unha velocidade vertixinosa nos procesos de combustión de combustibles fósiles.
Este dióxido de carbono está na superficie dos océanos e témolo localizado polo tipo de isótopo de carbono que presentan que é abundante nos combustibles fósiles. A profundidade á que chega é un pouco máis elevada no Atlántico, debido ao grao de axitación da auga .
O incremento de concentracións de CO2 na superficie dos océanos está cambiando a química da superficie do mar, provocando a acidificación da auga debido á reacción do dióxido de carbono coa auga. A información científica máis precisa da que se dispón actualmente suxire que estes cambios na química dos océanos poderían ter un efecto devastador en corais, mariscos, grupos específicos de fitoplancto e outros organismos con cubertas carbonatadas atacables por ácidos.
Este problema solucionaríase se o secuestro fose maior, pero o ritmo do ciclo que resulta suficiente para retirar o dióxido de carbono liberado por procesos naturais actúa con moita lentitude para retirar o incorporado a unha enorme velocidade polas combustións humanas de combustibles fósiles. Por iso podería ser interesante buscar medios tecnolóxicos que aumenten o secuestro deste exceso de dióxido de carbono.
Analizando a distribución da poboación mundial decatámonos de que preto das dúas terceiras partes desa poboación atópase nas zonas costeiras. No caso de España o litoral alberga o 45% dos habitantes do país e en Galicia esa porcentaxe aínda é maior. Estes datos indican que unha alteración grave nestes entornos vai afectar a unha cantidade enorme de xente. Os maiores problemas do cambio climático nestas áreas está relacionado co ascen-
so do nivel medio do mar, provocando inundación e erosión dos medios costeiros.
O informe do IPCC (Panel Intergubernamental para o Cambio Climático) emitido o 2 de febreiro de 2007 prevé que o nivel do mar subirá entre 18 e 59 cm nos próximos 100 anos. Este mesmo comité de expertos avisa de que cada ano vai en aumento o risco de inundacións para as cidades, o turismo, os cultivos e máis os hábitats naturais (como os humedais). Estes últimos poderían reducir o seu número ata a metade. En Galicia isto é preocupante por canto a que se perden praias, marismas e campos de dunas. Por iso é moi importante respectar os dominios públicos hidráulico e costeiro evitando as construcións na zona inmediata á beira do mar, das marismas, e das rías.
Canal de Venecia. Nesta cidade, e noutras como as da costa dos Paises Baixos e Nova Orleans, estas previsións do aumento do nivel do mar pon en serio perigo a forma de vida, se nos se mitiga a tempor o problema.
As zonas costeiras que en primeiro lugar se verán afectadas van ser as marismas e os deltas quedando en moitos casos inundadas, sobre todo as do litoral cantábrico onde se prevé ademais un incremento dos efectos das ondas incidentes na costa.
Os factores máis determinantes que inflúen sobre o nivel do mar son a expansión térmica do océano (aumento de volume por efecto da temperatura e a salinidade das augas), o proceso de desxeo dos glaciares e dos polos, e o volume de auga que se atopa nos continentes (subterránea e superficial). Quizais un dos factores máis importantes é o da dilatación da auga.
O nivel do océano varía dependendo da densidade da auga, e esta depende, á súa vez, da temperatura e da salinidade. A maior temperatura menor densidade e, polo tanto, o nivel do mar ascende. Pódese ligar este efecto co que tería a fusión dos xeos, xa que estes aportan auga doce ao sistema facendo descender a salinidade. Cos datos obtidos ata o momento estímase entre 2 e 7 cm a expansión térmica do océano nos últimos 100 anos.
Os xeos constitúen o maior reservorio de auga doce do planeta. Debido ao quentamento global do planeta, os glaciares e os campos de xeo da Antártida e Groenlandia están en continuo retroceso, ben sexa por fusión directa dos xeos ou por desprendementos de masas que viaxan como icebergs co conseguinte perigo para a navegación. Nestes intres, se todo o xeo acumulado nos continentes se derretise, o nivel do mar experimentaría unha elevación de preto 50cm. Tense constatado que dende 1890 o aporte dos glaciares fixo subir o nivel do mar entorno aos 0.5 mm de media anual.
O último dos factores analizados que inflúe no nivel do mar son as variacións no volume de augas continentais. Neste caso, a acción antrópica xoga un papel fundamental, xa que a sobreexplotación á que sometemos ás reservas de augas (embalses, lagos, acuíferos), ben sexa para consumo urbano como para actividades agrícolas, repercute na cantidade total de auga que vai chegar ao mar.
Os arrecifes coralinos son ecosistemas costeiros que exercen unha importante labor de protección das costas baixas localizadas principalmente no entorno do océano Pacífico, fronte á acción erosiva do mar. Aínda así son moi vulnerables á subida do nivel do mar, de xeito que se prevé unha desaparición drástica destes ecosistemas para un futuro próximo se se cumpren os peores escenarios de subida do mar.