A influencia da actividade humana nas variacións do clima foi alterando o volume e proporción de gases de efecto invernadoiro na atmosfera. Este proceso empezou co comezo da revolución industrial, e considérase que dende entón o contido de CO2 na atmosfera incrementouse aproximadamente nun 20%.
No escaso tempo transcorrido dende a industrialización, liberáronse grandes cantidades de CO2 procedentes da combustión de carbón, petróleo e gas. Nos inicios da revolución industrial a finais dos anos 1.700, a cantidade de CO2 empezou a aumentar, acadando os valores máximos nos últimos 50 anos.
Unha técnica moi eficaz para obter estes datos consiste na análise das burbullas gas contidas nas (testemuñas de xeo, recollidas ata uns dous quilómetros de profundidade)
Nestas burbullas pódese analizar a abundancia relativa de dióxido de carbono e así estimar os niveis atmosféricos de dióxido de carbono presentes ata hai 160.000 anos atrás.
Tamén nestas burbullas se miden as concentracións de isótopos de osíxeno atrapados e a súa desviación dos valores atmosféricos para coñecer así a súa taxa de transformación. Como esta depende da temperatura, obtemos unha estimación da temperatura superficial no continente Antártico cando se formou o xeo.
Paralelamente a este incremento do uso de combustibles fósiles nos procesos industriais, taláronse ou incendiáronse amplas superficies de bosques para novas áreas agrícolas e gandeiras.
A queima de combustibles fósiles é, con moito, a principal causa do aumento nas concentracións de dióxido de carbono na atmosfera. A gráfica amosa as emisións de combustibles fósiles en función do tempo. Esta gráfica pon de manifesto que as emisión de dióxido de carbono medraron lentamente dende 1860 ata mediados do século actual. Dende os anos 40 e comezos dos 50 do século XX, esta curva medrou drasticamente ata chegar aos niveis actuais, que superan en máis de seis veces os que había no 1860.
Antes da era industrial, as combustións eran principalmente de madeira. Co progreso económico e o crecemento demográfico foron desaparecendo os bosques de Europa . A revolución industrial deu lugar a numerosos inventos que foron proliferando ligados ao carbón, formado por restos fósiles de vexetais que viviron en zonas pantanosas , en especial no Carbonífero. Entre estes inventos destacaron, pola súa mobilidade, as locomotoras e barcos de vapor que transportaban as materias que demandaba a industria pesada. Toda esta actividade de transporte e industria ligada ao carbón, facía que as cidades estiveran cheas de fume que fluía dende numerosas industrias.
Unha análise do tipo de combustibles fósiles que contribúen ao crecemento descrito anteriormente amosa que o uso de carbón aumentou de maneira constante nos últimos 100 anos. Nos primeiros anos do século XX as instalacións industriais empezaron a adaptarse ao petróleo e ao gas natural, por seren máis cómodos, máis doados de utilizar e porque contaminaban menos e segue incrementándose de maneira significativa na actualidade. Aínda así, e debido aos custes máis altos e ao medo a que nun futuro escasee o petróleo, a tendencia parece estar cambiando, e agora utilízase cada vez máis o carbón para xerar electricidade.
O uso do petróleo e do gas natural en vez do carbón empezou en Estados Unidos tras o descubrimento do petróleo en Pensylvania, en 1959. O interese polas perforacións mariñas relanzáronse unha década despois do embargo do petróleo árabe en 1973. A extracción do petróleo nas plataformas petrolíferas e o seu transporte marítimo en petroleiros, está relacionado cun risco importante de accidentes que orixinan importantes mareas negras. Isto aínda agrava máis as consecuencias medio ambientais derivadas do uso destes combustibles.
Aínda que o uso deste tipo de combustibles está incrementándose e posiblemente se manteña a tendencia nos próximos anos, estes recursos son non renovables polo seu proceso de formación. O petróleo orixínase de materia orgánica, ao igual có carbón, que é a que aporta as cadeas de carbono formadas no proceso da fotosíntese cando viviron ese organismos.
Este material orgánico que formou o petróleo deriva dos organismos microscópicos que viviron orixinariamente nas augas superficiais formando o plancto.. Unha vez que estes organismos orixinarios morreron, os seus restos depositáronse acumulándose entre os sedimentos nun fondo con moi pouco osíxeno o que dificultou a súa rápida descomposición..
Afloramento de plancto, que colorea as augas do Atlántico Norte dun verde pálido, no entorno das costas francesas (abaixo á dereita) e de Inglaterra (arriba á esquerda).
Despois de ser enterrada nunha conca sedimentaria, a materia orgánica quéntase a grandes temperaturas e elevadas presións que alteran a súa composición química, transformando a materia orgánica en hidrocarburos.
Para chegar a ter petróleo para extraer debeu migrar a través dunha rocha sedimentaria, porosa, como é caso das pedras de gran, que actúa como esponxa que contén o petróleo. No proceso de migración a través desta rocha ten que atoparse con unha “trampa” que será unha estrutura xeolóxica que o retén: pregues, fallas ou bóvedas salinas Para extraelo pode chegar con perforar estes pozos, nos que queda atrapado polas trampas, por canto a súa presión e densidade facilita o ascenso. Antes sae o gas natural que como é máis lixeiro ocupa as partes superiores dos pozos petrolíferos.
O uso destes tres tipos de combustibles fósiles supuxeron a posta en circulación de carbono que estaba retido nos sumidoiros, o que supón un inicial desequilibrio do ciclo de carbono. Este aumento do dióxido de carbono na atmosfera procedentes do carbono fósil, debe ter unha compensación na actividade fotosintética das plantas que actuarán como sumidoiros inmediatos, e na precipitación de carbonatos nos océanos e lenta formación de novos combustibles fósiles que restituirán o funcionamento equilibrado do ciclo
Os combustibles fósiles representan o carbono terrestre que quedou almacenado permanentemente baixo terra, onde os procesos naturais non poden liberalo de novo á atmosfera. A nosa actividade de extracción, a parte de supoñer impactos na extracción, transporte e transformación, supón o paso á atmosfera deste carbono que estaba almacenado e apartado así do ciclo.
O petróleo abriu unhas posibilidades asombrosas para desprazarnos coa invención dos motores de combustión interna. A utilización dos medios de transporte, xunto cos usos das calefaccións e consumo de enerxía eléctrica no fogar, son as actividades cotiás onde podemos tomar decisións para contribuír a nivel persoal á diminución do consumo dos combustibles fósiles. Dentro deste uso de medios de transporte, destaca o transporte aéreo, tanto polo constante aumento, como polo combustible que consome nos desprazamentos.
O aumento de dióxido de carbono no aire como consecuencia da deforestación de bosques é tamén de suma importancia, xa que o promedio da fotosíntese dunha árbore absorbe grandes cantidades deste gas. Se as árbores se eliminan para sementar cultivos non leñosos, a absorción do C pode reducirse polo crecemento moito menor e a vida curta das plantas de sementeira fronte ás árbores.
En Galicia nos últimos 20 anos deixaron de traballarse moitas terras de cultivo. Este proceso foi seguido dun proceso de forestación e acumulación de combustible e un incremento de matos nos solos que ata hai moi pouco se fertilizaban para a agricultura.
A proliferación de bosques e matos que coinciden con veráns secos, son ecosistemas propensos aos incendios. Aínda que as relacións vexetación – fogo son complexas, cada vez temos máis claro que a maioría dos incendios son provocados polas actividades humanas, sexa por neglixencia, accidente ou intencionadamente.
O fogo perturba intensamente a vexetación e a paisaxe: filtra as especies animais e vexetais que poden persistir, crea espazos abertos, cambia a estrutura do hábitat e a oferta alimenticia para a fauna. Tamén ocasiona perdas de nutrientes do ecosistema e importantes erosións nas zonas de pendentes. As emisións de dióxido de carbono son elevadas pola combustión de madeira, vexetación e materia orgánica do solo, pasando a ser unha fonte puntual de CO2 e deixando de ser un importante sumidoiro.
Os incendios poñen o futuro do solo en compromiso, pois eliminan a materia orgánica deste. Este feito, asociado á diminución da cuberta vexetal, pode reducir a infiltración da auga no solo e incrementar a escorrentía superficial, co que se facilita a erosión do solo.
Dende o punto de vista social e económico, os incendios forestais poñen en perigo vidas humanas e propiedades , eliminan durante moito tempo as rendas obtidas de madeira e alteran paisaxes apreciadas sentimental e economicamente.
Outra fonte de CO2 na atmosfera son as emisións procedentes das fábricas de cemento. O material que contén carbono usado para facer o cemento libera cantidades significativas de dióxido de carbono durante o proceso de transformación ata chegar ao produto final. Este produto vai gañando relevancia no desenvolvemento sostible, acadando dende mediados do século XX unha enorme relevancia económica ao xeneralizarse o seu uso para a construción de camiños, pontes, os edificios, as industrias eléctricas e fábricas. Actualmente cobra un interese especial en países como China e India, que teñen un enorme potencial de desenvolvemento, cos conseguintes riscos para o medio ambiente, e por tanto para o cambio climático.