Os 40 estudantes premiados por traballos individuais ou en parellas organizáronse en 4 seminarios de 10 membros cada un. A cada seminario propúxoselle elaborar un produto de sensibilización cidadá inspirado na observación do litoral de Sada e Gandarío, que compararían co pasado para sacar conclusións sobre o seu futuro no marco da adaptación ao cambio climático.
A formación foi aportada polos dous campus de excelencia internacional de Galicia: Campus do Mar e Campus Vida. O Campus do Mar aportou un equipo científico multidisciplinar que abordou a observación do presente e a súa comparación co pasado mediante prácticas de carácter ecolóxico, xeomorfolóxico e urbanístico.
Para analizar o presente fixeron unha análise visual do litoral con apoio cartográfico e un mostreo no intermareal areoso e rochoso. A comparación co pasado xeolóxico fíxose mediante unha análise visual da costa e levantamentos de perfís da praia para analizar as variacións do nivel do mar.
A nivel de escala histórica, fíxose unha comparativa da cartografía actual do litoral coa de mediados do século pasado. Tamén se fixo análise de fotos antigas e visitas a zonas concretas do litoral como o recheo do paseo marítimo de Sada e a canalización do río que desemboca alí. A comparación dos cambios nas poboacións do intermareal fíxose mediante mostreos nos intermareais rochosos e areosos e a súa comparación con mostreos en anos anteriores.
A adaptación ao cambio climático abordouse dende o marco da xenómica e da evolución. Para facelo contouse con un obradoiro do catedrático da USC Ángel Carracedo, cuxo grupo de investigación, que traballa no ámbito da xenómica dentro do Campus Vida, é o máximo referente mundial do seu ámbito específico de investigación.
O profesor Carracedo estimulou as reflexións sobre a adaptación ao cambio climático dende un obradoiro no que fixo unha extracción de ADN e unha electroforese con sangue de peixes adaptados a temperaturas de auga diferentes. En base a estes estímulos do ámbito da xenómica, abriuse a reflexión sobre a adaptación das especies e das poboacións ao cambio climático; idea forza sobre a que se articularon os 4 seminarios que deron lugar aos produtos de sensibilización.
Os catro produtos de sensibilización elaborados polos seminarios titelados cada un por un dos estudantes da Universidade premiados, foron presentados diante das familias o domingo 26 de xuño de 2011.
No campamento para premiados por traballos de 3 ou 4 membros, propúxose o reto de dar o paso á potenciación do traballo en grupos grandes. Por iso os 32 premiados pasaron a desenvolver un mural colectivo onde cada un se responsabilizaría do deseño dunha peza de 40 cm. x 40 cm. Cada peza deseñouse no marco dun bosquexo elaborado pola profesora Margarita Cimadevila, recoñecida autora de obras de Arte e Ciencia. Cada estudante comprobou que as súas decisións de deseño respondían fielmente ao bosquexo, e por tanto encaixaban á perfección coas pezas lindantes. Unha vez feita a comprobación, procedeuse a pintar e decorar as pezas seguindo as directrices da profesora Cimadevila. O campamento remataría con unha foto dos autores rodeando o mural de 32 pezas.
Climántica quere agradecer á Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar os medios de aloxamento e manutención para desenvolver o campamento. Asemade quere agradecer aos campus de excelencia internacional Campus do Mar e Campus Vida o inestimable apoio científico aportado, sen o cal estes campamentos non serían posibles.