O profesor Caamaño empezou a súa intervención valorando a oportunidade que supuxo a aparición no curso 2008-2009 desta materia común en primeiro de bacharelato, recoñecendo deste xeito que a ciencia é cultura merecedora de estar presente na formación xeral básica de todos os estudantes de bacharelato.
Tamén fixo mención aos retos que supón, sobre todo ao ter tantas temáticas diferentes, entre as cales o profesorado responsable da docencia sempre vai a atoparse con algunha na que necesita formación e cando menos apoio. Afirmou tamén que ao ter só dúas sesións lectivas semanais, as dificultades aumentan.
Nese contexto situou a súa vocación de formación que sentiu xa o ano anterior a implantarse a materia. Nese sentido o feito de incorporarse ao curso de formación de Climántica para esta materia xusto o ano que se puxo en marcha.
Como resultado dese curso empezou a traballar con un edublogue do proxecto e as metodoloxías de darlle protagonismo aos estudantes como autores propostos no curso. Deste xeito conseguiu que cada estudante publique 2 ou 3 artigos o que supuxo un número de 185 entradas no blogue no momento de estar efectuando esta comunicación. Entradas que darían lugar a 5.200 comentarios, tendo en conta ademais que cada entrada traballa contidos do currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.
Para conseguir esta participación previamente doulles unhas pautas como: poñer un título que invite á lectura, menos texto e máis imaxe que transmita información, introducir enlaces para explicar termos difíciles, exercitar a capacidade de síntese buscando palabras clave e categorizando.
Fixo mención a que na actualización de contido no blogue o 90% ou incluso o 95% do traballo faino o alumno. O traballo do profesor vai a estar en presentar modelos moi xerais e básicos como o ADN ou o efecto invernadoiro, en orientar, en dar pautas metodolóxicas, prestando especial atención no desenvolvemento de estratexias de argumentación mediante comentarios e a avaliación dos mesmos; facendo que calquera posición de apoio ou refutación de opinións, deba quedar debidamente argumentado. Neste sentido, resaltou tamén a importancia que ten o uso do foro para todos aqueles que son obxecto de debate, sumamente abundantes no currículo desta materia.
Apoiándose en todo anterior, pasou a citar barreiras diagnosticadas antes de empezar a dar a materia e que esta metodoloxía lle permitiu superar:
- Superar a limitación das dúas sesións semanais. Mostrou mediante gráficos a existencia de múltiples entradas polas tardes e noutras horas non lectivas, incluso en vacacións.
- Abordar un currículo multidisciplinar. Atópanse entradas de todas as temáticas do currículo.
- Superar a falta de referentes por falta de experiencia da materia no sistema educativo. Destacou o apoio do blogue guía e do traballo dos blogues doutros compañeiros para enriquecerse de ideas e recursos.
- Avaliar unha materia onde as opinións son máis importantes que os propios contidos. A avaliación de comentarios pon de manifesto a maior calidade da argumentación dos alumnos que foron practicando comentarios ao longo do curso, porque desta forma van coñecendo as técnicas para opinar con rigor, saber que teñen que facelo aportando un pouco máis de información.
Sinalou como obxectivos claramente acadados con esta proposta:
- Transmitir avances científicos e tecnolóxicos.
- Implementar as TIC nas clases de ciencias.
- Desenvolver a capacidade de argumentación, destacando que o primeiro ano o profesor aportou un 40% dos comentarios e o segundo sólo un 9% da argumentación derivada dos comentarios.
Para concluír, sinalou as potencialidades que lle ve a este enfoque da materia:
- Está totalmente convencido de que é unha maneira de facer protagonista ao alumno no seu proceso de aprendizaxe.
- Desenvolve o espírito crítico.
- É unha fórmula eficaz para abordar a diversidade do currículo con sólo dúas sesións lectivas á semana.
- Favorece o intercambio de información entre docentes de diferentes materias.
- Potencia as TIC, a transversalidade e o traballo docente en equipo.