O sábado 7 de maio inaugurouse o I Congreso Climántica sobre Respostas Educativa ao Cambio Climático no que se inscribiron mais de 800 profesores. A representación institucional da mesa inaugural estivo constituída por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo seu titular o Conselleiro D. Agustín Hernández e polo Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe D. Manuel Borobio. A Consellería de Educación e Ordenación Universitario, na súa calidade de colaboradora, estivo representada polo Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, D. José Graña, presidindo a mesa o director do proxecto D. Francisco Sóñora.
O Conselleiro destacou na súa intervención que para a Xunta de Galicia é un orgullo o proxecto Climántica por varios motivos. En primeiro lugar por traspasar fronteiras, destacando neste aspecto a recomendación para o uso docente por parte do Enviado especial das Nacións Unidas para o Cambio Climático e o papel que vai a xogar ao encargarse da sensibilización e educación no proxecto europeo Climatlantic que reunirá esforzos de gobernos rexionais de Gran Bretaña, Irlanda, Francia e Portugal e onde Climática xogará un papel destacado. En segundo lugar porque é un exemplo de colaboración exitosa entre distintas Consellerías, xa que sen o apoio da Consellería de Educación non tería sido posible; e en terceiro lugar porque é un proxecto ambicioso xa que senta as bases do futuro na loita contra o cambio climático a través de innovadoras ferramentas e cunha linguaxe adaptada aos máis novos. Antes de dar paso ao debate lembrou o apoio institucional a este proxecto e agradeceu ao auditorio a súa presenza.
O resto deste documental fai un breve resume de todas as intervencións que se desenvolveron no auditorio ao longo dos dous días que durou o congreso e cuxos vídeos coas intervencións de cada un dos poñentes iranse publicando nesta web.